A semente do futuro do balonmán agroma nos centros educativos do Baixo Miño

Os equipos Atlético Guardés e Valinox Novás promoverán conxuntamente este deporte nas escolas da comarca. Visitarán os centros en compañía de xogadoras e xogadores para animar ao alumnado no interese polo balonmán.
O responsábel das categorías inferiores do Atlético Guardés, Fabio Lima, nun adestramento (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera O responsábel das categorías inferiores do Atlético Guardés, Fabio Lima, nun adestramento. (Foto: Atlético Guardés)

A volta ao colexio no Baixo Miño será especial para o balonmán da comarca. Os dous clubs símbolo deste deporte na zona, o Mecalia Atlético Guardés e o Valinox Novás, iniciarán curso co proxecto común e innovador de fomentar de maneira conxunta a súa práctica a través dunhas escolas deportivas nos propios centros educativos de varios municipios.

O obxectivo é introducir as nenas e os nenos neste xogo e que cheguen ao convencemento de que poden gozar del e evolucionar como deportistas e, sobre todo, como persoas a través dos seus valores. As persoas responsábeis do proxecto son César Armán e Fabio Lima, coordinadores respectivamente das canteiras do club rosaleiro e guardés. 

Balonmán feminino e masculino na comarca

Esta iniciativa sería imposíbel sen a casuística deportiva do balonmán no Baixo Miño, como recoñece César Armán a Nós Diario. “Os nosos clubs teñen intereses comúns como son que practiquen deportes e se é o balonmán mellor”, asegura.

Da mesma maneira sinala que non hai a rivalidade que existe noutros lugares “ao non cruzarse os nosos camiños nas competicións oficiais por estarmos nós dedicados máis ao balonmán masculino e o Guardés ao feminino”. Coa proposta procurarán dar a coñecer este deporte "que non é tan habitual nos medios de comunicación como outros e precisa deste tipo de experiencias para chegar á xente".

Clases de balonmán nas propias escolas

O proxecto contempla, na súa maior parte, a realización de visitas aos centros escolares da comarca para impartir clases de balonmán ao seu alumnado, tanto teóricas como prácticas. Ambas as institucións pretenden contar con xogadoras e xogadores dos seus respectivos primeiros equipos, que poidan explicar de primeira man nas aulas de Educación Física o “apaixonante que resulta este xogo”.

A partir de aquí, realizaranse diferentes actividades conxuntas, destinadas a fomentar a divulgación deste deporte. Como indica Armán, cada entidade manterá os seus intereses particulares que, como é lóxico, orbitan cara á categoría feminina en caso do Guardés e cara á masculina no do Novás, mais o traballo de introdución, captación e iniciación será en común.

Inicio no CEIP Manuel Rodríguez Sinde 

A primeira visita que realizarán será esta sexta feira. Armán e Lima acudirán ao CEIP Manuel Rodríguez Sinde, situado na Guarda. Durante toda a mañá introducirán no balonmán ao alumnado do colexio tocando todas os grupos de idade: desde os catro e cinco anos, até sexto de Primaria. A vindeira segunda feira, repetirán en Oia. E, a partir de aí, encadearán a maior parte de centros escolares da zona.

A idea é atraer deportistas para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín "que poderían xogar nos equipos mixtos que temos en ambos os clubs", segundo Armán. As entidades deportivas, asegura o responsábel das categorías inferiores do Novás, "porán todas as facilidades ás familias para que se decidan a achegarse a nós ou ao Guardés".

Comentarios