A Semana Abanca volve con vela, remo, piragüismo e esquí

As diferentes probas terán lugar do 5 de setembro ao 28 de novembro e participarán máis de 2.500 deportistas.
Campionato galego da clase 420 Trofeo Comodoro en 2020.(Semana Abanca)
photo_camera Campionato galego da clase 420 Trofeo Comodoro en 2020. (Foto: Semana Abanca)

Unha das concentracións máis importantes de deportes náuticos de todo o Estado español, a Semana Abanca, comezará esta fin de semana e até o 28 de novembro reunindo en varios escenarios da costa e o interior a 2.500 deportistas en disciplinas como vela, remo, piragüismo e esquí náutico.

As sedes desta edición, que levou os nomes de Caixanova e Novagalicia Banco no seu momento, serán Vigo (con tres eventos), Marín, Sada e A Coruña (con dous cada unha) e Cortegada, no interior. Ademais, completan Completan o programa deportivo as Galas do Remo e do Piragüismo, que se celebrarán en Sada e en Vigo no próximo mes de novembro. 

As competicións desde Vigo até Cortegada

Vigo contará con tres competicións de piragüismo e Vela, que levan o nome de Trofeo Concello de Vigo, sendo o Internacional de Kaiak de Mar, o que inaugure a edición 2021 cunha gran participación que se achegará aos tres centenares de deportistas que competirán desde cadete até máster na Pista da ETEA o domingo 5, a partir das dez da mañá.

As outras dúas serán o Campionato Ibérico de Láser e o tradicional Trofeo Vila de Bouzas de Cruceiros. As organizacións a cargo do Club Marítimo de Vigo, o Piragüismo Olívico, o Club Marítimo de Canido e o Liceo Marítimo de Bouzas. 

Marín será a sede do remo tradicional e do remo  ergómetro escolar. A competición de bateis co nome de Copa Galiza co Trofeo Concello de Marín en xogo, celebrarase fronte ao Paseo Antonio Blanco, conta co apoio da Sociedade Deportiva Samertolameu. 

No que se refire ao remo escolar, a competición terá lugar no Pavillón do Colexio San Narciso, levando a parte técnica o Club de Remo Vila de Cangas. 

Cortegada e o río Miño serán o escenario da Copa Ibérica de Esquí Náutico mentres Sada terá dous eventos: a Divino Rei de Cruceiros e o Gran Premio Deputación da Coruña de RemoMar, ambos os organizados polo Club Náutico de Sada. 

Por último, o Real Club Náutico da Coruña organizará o Trofeo Isabel Zendal para tripulacións femininas que navegarán en J80 e a regata de vela infantil que fechará a Semana Abanca: o Trofeo Aurelio Fernández Lage Optimist Cidade da Coruña.

Comentarios