As seleccións vasca e catalá enfróntanse domingo en San Mamés

As seleccións vasca e catalá conmemoran este domingo o centenario do primeiro encontro entre ambos equipos nacionais. Xogan un amistoso en San Mamés. 

Cartaz do partido
photo_camera Cartaz do partido

No estadio de San Mamés de Bilbao conmemorarase o vindeiro domingo día 28 o centenario do primeiro encontro entre as seleccións vasca e catalá que se desenvolvera o 2 de xaneiro de 1915. Será a terceira vez que ambas equipas se atopen en terreo de xogo neste milenio despois dos partidos do 8 de outubro de 2006 no Camp Nou de Barcelona e do 29 de xaneiro de 2007 no antigo San Mamés. 

O partido enmárcase no habitual amistoso que a selección catalá xoga desde hai dúas décadas por estas datas e cadra co centenario da estrea da selección vasca naquel histórico partido no que venceu seis a un á equipa de Catalunya, que levaba xa dez anos de existencia. 

Para o amistoso o seleccionador catalán Gerard López convocou nove xogadores do FC Barcelona (Masip, Jordi Alba, Marc Bartra, Montoya, Piqué, Sergio Busquets, Xavi, Sergi Roberto e Sergi Samper), catro dol Español (Kiko Casilla, Víctor Álvarez, Víctor Sánchez e Sergio García), dous que xogan na actualidade co Celta (Andreu Fontàs e Sergi Gómez), dous tamén do Sevilla (Gerard Deulofeu e Alejo Vidal) e un do Villarreal (Gerard Moreno), outro do Granada (Piti), un máis do Getafe (Álvaro Vázquez), un do  Real Sociedad (Alberto de la Bella), ademais de Jonathan Soriano que xoga no  Salzburgo austríaco. Por parte da selección vasca están chamados dez xogadores do  Athletic de Bilbao, seis da Real Sociedad, cinco do Eibar e un do Osasuna. .

Comentarios