A selección non gañou, mais Galiza si

A Irmandiña perdeu 1-7 en Lugo contra Occitania. Mais non se incomoden, a de onte era unha xornada de festa e reivindicación a prol da oficialidade das seleccións nacionais. Máis de medio milleiro de persoas así o reclamaron polas rúas e nun encontro no que gañou o deporte galego. 

Galiza-Occitânia
photo_camera Galiza-Occitânia [Imaxe: Siareiras Galegas]

Xeaba e ía tanto frío como o habitual en Lugo. Mais os ánimos estaban calorosos para o encontro que confrontou a selección de Galiza contra Occitania organizado por Siareir@s Galeg@s. Desta volta foi a cidade amurallada a elixida para acoller o tradicional combinado da Irmandiña nun evento que continúa a ser algo máis que deportivo. Unha xornada de reivindicación da oficialidade das seleccións nacionais dunha nación, a galega, que quer ser recoñecida como tal en todas as disciplinas deportivas. 

Eis a mensaxe que medio cento de persoas corearon polas rúas de Lugo na manifestación que precedeu ao encontro. "Quer queiran, quer non, Galiza é unha nación". Berraban @s siareir@s da selección de Galiza poucas horas antes de dar comezo o partido, emprazado no campo do clube local, o Polvorín. Coa participación da Área de Deportes da Deputación de Lugo, o fútbol galego volveu brillar. Quizais non polo resultado tirado do encontro (1-7) mais si polas gañas dunha afección e unha equipa que malia as dificultades continúa a loitar pola súa oficialidade. 

Dificultades que xa sinalaba nos días previos ao combinado o vice-presidente da Deputación e responsábel da área deportiva da administración provincial, Antón Veiga (BNG), quen criticou con dureza a "pouca autoestima" do Partido Popular e os embates "aos nosos sinais de identidade" a comezar "pola nosa lingua", dixo, "e ás nosas seleccións". Porén a vontade popular --do pobo e non do PP-- non impediu que após 5 anos do último encontro oficial da Irmandiña en Balaídos contra Irán, a selección continúe a ter o seu partido. Iso si, da man de Sieareir@s Galeg@s que agora, agarda con desexo que os anuncios da Federación Galega de Fútbol se poidan converter en realidade. Se non, seguirán traballando para que así sexa. 

Un traballo que vai para alén de "reivindicar un partido en Nadal", explicaban a Sermos Galiza pouco despois de se coñecer a data do Galiza-Occitania. E é que a súa loita visa pular polo recoñecemento do deporte galego en todas as súas disciplinas. Recoñecemento que de maneira conxunta coa Plataforma pola Oficialidade brindaron a dúas figuras fundamentais. A seleccionadora nacional de fútbol praia feminino, Pilar Neira, e o triatleta, Antón Ruanova foron obsequiad@s cunha praca coa que a afección quixo salientar o seu traballo e esforzo, mais tamén o seu compromiso co deporte galego e, nomeadamente no caso de Neira, polo papel das mulleres no deporte. Tantas veces silenciado pola imprensa e as institucións públicas. 

Mulleres que tamén estiveron presentes sobre o campo nun Galiza-Occitania que, como é costume, conta cun combinado mixto. Unha equipa que loitou sobre o céspede pola vitoria mais que se viu derrotada pola selección occitana cun 1-7 en favor d@s visitantes. Mais non se incomoden. O de onte non foi unha competición, senón unha xornada de solidariedade entre nacións.

Comentarios