A selección galega de Taekwondo, á conquista dos Multi European Games

Entre as convocadas destacan Iván García ou Arlet Ortiz.
A expedición galega xa se atopa no país búlgaro (Foto: Fegato).
photo_camera A expedición galega xa se atopa no país búlgaro (Foto: Fegato).

A capital de Bulgaria, Sofía, acolle desde o día de mañá e até o vindeiro 16 de xuño os Multi European Games 2021, nos que o taekwondo galego conta cunha ampla representación.

O concurso comeza hoxe coa categoría Cadete, na que Galiza conta con catro protagonistas: Ada Hermelo (-33, Hebe), Nadia Bouzas (-37, Kae Sport), Noa Romero (-44, Natural Sport) e Pablo Torrado (-41, Suh Costado), que estarán acompañados polo seleccionador Pablo Carou.

Nadia, Ada e Pablo xa realizaron no día de onte a tradicional pesada, polo que competirán durante esta quinta feira, mentres que Noa terá que agardar até a sexta feira para saír ao tapiz.

En xogo está a clasificación para o Campionato de Europa Cadete, no que as dúas primeiras clasificadas terán un posto asegurado.

Con respecto á competición Júnior, o país tamén conta cunha respectábel delegación, composta por María Ferreiro (-49, Couto), Yadira Reimúndez (-55, Mat´s), Irene Montemuiño (-63, Natural Sport), Cloe Iglesias (-63, Patiño), Ainoha García (-68, Couto), Nuria Cernadas (+68, Natural Sport), Javier Otero (-45, Kae Sport), Borja Franco (-63, Natural Sport), Adrián Salanova (-68, Maniotas) e Sergio Troitiño (-78, Mat´s). 

Neste caso o premio é maior que para as Cadetes, pois ademais de dous postos no Europeo de Pesos Olímpicos, tamén aspiran, se son deportistas do ano 2004, a lograr unha praza no Campionato de Europa Sub-21.

Finalmente, e na categoría raíña, a Sénior, son sete as galegas convocadas: Manu Parada (-68, Natural Sport), Pablo Patiño (-68,Patiño) e Iván García (+87, Mat´s) entre os homes, mentres que na modalidade feminina viaxaron a Bulgaria Sara Cortegoso (-46, Mace Sport), Alma Pérez (-53, Suh Sport), Arlet Ortiz (-57, Mat´s) e Tania Castiñeira (+73, Hebe).

Comentarios