mércores 23/09/20

A selección galega gaña a Copa das Rexións da UEFA

O combinado dirixido por Iván Cancela alcanzou a gloria na Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid) após derrotar na gran final ao potente conxunto andaluz por 0-2.

Os xogadores galegos, co trofeo de campións. (Foto: Nós Diario).
Os xogadores galegos, co trofeo de campións. (Foto: Nós Diario).

A Selección Galega de Afeccionados proclamouse campioa da XII Copa das Rexións da UEFA. O combinado dirixido por Iván Cancela alcanzou a gloria na Cidade do Fútbol de Las Rozas (Madrid) após derrotar na gran final ao potente conxunto andaluz por 0-2, grazas aos tantos de Carlos López e Yelco Alfaya. 

O triunfo galego supón a repetición da historia acontecida hai exactamente dez anos, na tempada 2009-2010, cando A Irmandiña conquistara a súa primeira UEFA Regions Cup en Portonovo, tras derrotar na finalísima, precisamente, a Andalucía.

Nesta ocasión, a selección galega optou por un fútbol quizais algo conservador, pero indubidábelmente resolutivo. Os de Iván Cancela agardaron pola súa oportunidade para saír ao contraataque, e xusto antes do descanso, no minuto 43, Carlos López puxo por diante a Galiza ao aproveitarse dun rexeite coa cabeza do gardameta andaluz, Francisco. 

O gol foi psicolóxico, xa que apenas catro minutos despois do tempo de descanso, no 49, apareceu Yelco para anotar o 0-2 definitivo logo dunha contra de manual, rematando o partido sen moitos apuros para a escuadra galega.

comentarios