A selección galega de fútbol xa ten equipo de cara á Copa das Rexións UEFA

Iván Cancela comparte a listaxe de 20 convocados
A Irmandiña xogará na casa (Foto: Futgal).
photo_camera A Irmandiña xogará na casa (Foto: Futgal).

O seleccionador da Irmandiña de fútbol afeccionado, Iván Cancela, fixo pública na xornada de onte a convocatoria definitiva dos 20 futbolistas que defenderán as cores do país na fase final da Copa das Rexións, torneo de carácter oficial organizado pola UEFA.

Este evento será histórico non só pola presenza da Irmandiña, senón porque, ademais, terá lugar na Galiza, concretamente entre os días 9 e 17 de xuño.

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) apostou polo formato audiovisual para difundir a listaxe confeccionada por Cancela, onde o seleccionador ía revelando os nomes dos futbolistas chamados a competir no aeroporto de Compostela.

Deste modo, a portería será cousa de Ramón Rodríguez (UD Ourense) e Gabriel 'Minibugy' (Paiosaco).

Da defensa encargaranse Jesús Varela (Alondras), Pablo Carabán (Estradense), Antonio González (Atlético Arteixo), Iago Martínez (Rápido de Bouzas), Martín Sanchez e Sergio Cotilla, ambos do Arousa.

Xa no medio do campo, crearán xogo Fabio González (Atlético Arteixo), Antón Iglesias 'Kopa' e Álex Ubeira 'Ube' (Choco), Brais Vidal e Iñaki Martínez (Arousa), Óscar Lorenzo (Somozas), Álex Rey (Rápido de Bouzas), Lúcas Antañón (Sigüeiro), Félix Rial (Choco) e Juan Rey 'Juanín' (Estradense).

Finalmente, a responsabilidade do gol recaerá en exclusiva sobre os ombreiros de Adri Otero (Atlético Arteixo) e Jonathan Magisano 'Joni' (UD Ourense).

Estes 20 xogadores concentraranse en Sanxenxo o próximo mércores 7 de xuño, 48 horas antes do debut nunha competición que a selección galega disputará por primeira vez na súa historia.

Os seus primeiros rivais, na fase de grupos, serán  Bavaria (Alemaña), Zenica-Doboj (Bosnia e Herzegovina) e a República de Irlanda amateur.

Comentarios