A selección galega feminina de Hóckey Sub14 defenderá o título en Ourense

As promesas deste deporte participarán no campionato estatal que terá lugar nesa cidade do día 26 ao 28 de febreiro.
A selección Sub14 feminina preparada para xogar esta fin de semana en Ourense (FGH)
photo_camera A selección Sub14 feminina preparada para xogar esta fin de semana en Ourense (Foto: FGH)

As seleccións galegas feminina e masculina Sub14 de hóckey herba participarán do día 26 ao 28 de febreiro no campionato estatal desta categoría. A competición terá lugar no campo de Mariñamansa de Ourense e, ademais da Galiza, competirán as seleccións de Asturies, Aragón, País Valencià e Andalucía. 

Como consecuencia da actual situación de pandemia non se permitirá o acceso ao recinto ao público e aplicaranse todos os protocolos estabelecidos para as competicións oficiais de ámbito estatal. Para seguir os partidos da selección habilitouse a canle de Youtube da Federación e tamén se poderá ver toda a xornada do domingo na que se decidirán as medallas do torneo.

O formato nesta ocasión será de liga sexta e sábado para despois, as dúas primeiras seleccións clasificadas, ao día seguinte, disputar a final. Esa xornada a terceira e a cuarta loitarán polo bronce. 

Na cidade de Ourense semella estar de moda o hóckey tras acoller con anterioridade o Campionato estatal absoluto masculino, desta vez na modalidade de sala. Tamén desta cidade é o Club Hóckey Barrocás, actual campión galego de hóckey sala na categoría sénior masculina, e o Club Hóckey Albor, subcampión na mesma categoría que o anterior.

As rapazas defenden o título conseguido en 2020

Neste campionato veremos as futuras promesas do hóckey herba galego, un deporte que está a ter moito seguimento nos últimos anos. No caso da selección feminina, esta fin de semana terán que defender o título de campioas, que gañaron en Andalucía o ano pasado. O seu adestrador nacional, José Ramón Veloso, convocou para esta ocasión 18 xogadoras, das que 9 militan no Ourense Hóckey Club.

O ano pasado as rapazas conseguiron realizar un torneo magnífico e derrotar na final a selección andaluza malia que esta xogaba na casa. Nese último encontro, un tanto anotado por Lucía Lamela, no ecuador do partido, daría á Galiza a vitoria final. Lamela conseguiría, ademais, levar o premio individual como máxima goleadora do torneo de seleccións sub14. 

A selección masculina desta categoría, polo seu lado, tratará de mellorar a regular clasificación do ano pasado, onde quedaron cuartos ao remate dos dous días de competición. O seu adestrador, Jorge del Río, tamén convocou 18 xogadores  mais  contando cunha maior pariedade de clubs. Participan rapaces que pertencen á Escola Hóckey A Coruña, Club Hóckey Barrocás, C.P. Cidade de Ourense, Athletic Coruña H.C. e C.D. Santo Cristo. O seu primeiro partido, igual que no caso das rapazas, será contra Aragón.

Comentarios