A selección galega de atletismo queda oitava no campionato estatal

A saltadora Alba Cuns queda en primeiro lugar cun triple de 12,94 m. Campionato de España de Federacións que tivo lugar esta mesma pasada fin de semana na localidade catalá de L´Hospitalet del Llobregat.
Deportistas da delegación galega en L'Hospitalet de Llobregat (Federación Galega de Atletismo)
photo_camera Deportistas da delegación galega en L'Hospitalet de Llobregat (Foto: Federación Galega de Atletismo)

A selección galega de atletismo rematou en oitavo lugar no Campionato de España de Federacións que tivo lugar esta mesma pasada fin de semana na localidade catalá de L'Hospitalet del Llobregat. As e os deportistas galegos sumaron 196,5 puntos nunha competición que gañou Catalunya con 295 puntos. 

Por parte da Galiza salientar os triunfos de Alba Cuns cun triplo salto de 12.94 (+2,8) que lle daban o primeiro lugar. Tamén a actuación de Yulemnis Aguilar que lanzou a xavelina até os 58,03 metros. Importantes foron, daquela, o segundo lugar logrado por Mauro Triana sobre os 100 m. cun tempo de 10.58 e os terceiros postos de Edymar Brea sobre os 3.000 m. que completaba en 9:19.08, así como o de Carlos Revuelta en martelo lanzando no seu cuarto intento até os 61,21 m. 

Por outro lado, Jean Maríe Okutu con 7,32 m. no foso de lonxitude e Carmen Escariz nos 5.000 marcha con 23:55.56, fixeron un gran papel cos seus quintos postos.

Bronce nos europeos Sub23

Tamén esta fin de semana, Antía Chamosa lograba a medalla de bronce nos Campionatos de Europa Sub23 que se desenvolveron en Tallín, Estonia. A marchadora trazaba un novo récord galego Sub23 cun tempo de 1h.35.04 sobre a proba dos 20 km. A gañadora da proba foi a turca Bekme con 1h.33.08 seguida da francesa Stey 1h.34:47. A progresión desta deportista foi a máis nos último anos.

En 2019 alcanzou un 5º posto no Campionato de Europa Sub23 en Suecia na proba dos 20 km. e o 11º no Campionato de Europa de marcha por equipos ca selección absoluta de Podebrady (República Checa) dese mesmo ano. 

Balaídos acollerá o galego absoluto

A delegación da Federación Galega de Atletismo de Vigo, coa colaboración do Concello, organiza o Campionato Xunta da Galiza Absoluto-Gran Premio Abanca o vindeiro 18 de xullo nas pistas de atletismo de Balaídos.

Esta edición, que representa a cita máis importante do calendario anual do atletismo galego, contará coa presenza das máis destacadas atletas do pais. Nesta edición, que coincide ca celebración do Centenario da Federación Galega, destinarase unha partida de 2.000 euros  a repartir en premios entre as mellores marcas por táboa de puntuación. Haberá público, mantendo a distancia, até un máximo de 250 persoas.

Comentarios