A selección galega de atletismo entra en acción no Estatal Sub-16 e Sub-18

O obxectivo e conseguir un posto no podio
Xela Martínez lidera á Irmandiña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xela Martínez lidera á Irmandiña. (Foto: Nós Diario).

A selección galega de atletismo volve á acción esta fin de semana, e máis concretamente este domingo, 5 de decembro, para ser da partida no Campionato de España do Consello Superior de Deportes para as categorías Sub-16 e Sub-18.

O torneo xuntará no Centro Ecuestre O Asturcón, en Oviedo, 16 combinados distintos e preto de 400 atletas masculinos e femininos en representación de practicamente todos os territorios do Estado.

A Irmandiña desprázase até Asturias con catro equipos nas devanditas categorías Sub-16 e Sub-18 que teñen a firme aspiración de mellorar o resultado da última edición.

Galiza quere mellorar os resultados de 2019

Esta disputouse no xa afastado ano 2019, antes da irrupción da pandemia da Covid-19 en marzo de 2020, na que as representantes do país quedaron ás portas do podio.

Para conseguilo, Galiza acude cuns combinados moi fortes que teñen á cabeza Xela Martínez entre as Sub 16, quen recentemente lograba tanto o triunfo individual como por equipos no Campionato de España de clubs, e que terá na manchega Monica Guijarro á súa principal rival.

Tamén destaca Pedro Vázquez na categoría Sub18, que ao igual que a lucense facíase coa vitoria no Estatal de Clubs disputado en Santiponce (Andalucía) e que pretende reeditar, se non superar, a segunda posición que logrou hai dous anos, cando aínda competía como atleta Sub-16, misión que tratará de impedir o madrileño Ronaldo Olivo.

Sobre a liña de saída tamén estarán Antón Martínez -quen asinaba na última edición do torneo un meritorio quinto posto na carreira Sub 16 - e Iván Rego -que tamén repite participación-, así como as campioas galegas de campo a través Sub 16 -Ricardo Negrete- e Sub 18 -Carolina Santos-, que entrarán en acción a partir das 10.30 horas da mañá. 

Comentarios