A selección feminina de fútbol gaélico olla “con ganas” o Mundial após gañar o Europeo

As campioas valoran positivamente o seu paso pola polo torneo europeo, onde derrotaron a Francia na prórroga

Xogadoras da selección galega de fútbol gaélico celebrando a victoria no campionato europeo.
photo_camera 11111

As xogadoras da selección galega de fútbol gaélico voltan ao país co título europeo baixo o brazo após pasar invictas por un torneo no que se disputaron a final contra a selección gala. O seu é un fito histórico, ao ser o primeiro premio internacional que gaña Galiza neste desporto. De camiño ao aeroporto, a segunda capitá da equipa, Anxela Estévez, destaca en declaracións a Sermos Galiza as boas sensacións de cara ao próximo Mundial, que terá lugar en Dublín en 2019. “Imos ir a por todas”, afirma.

O conxunto galego aterrou en An Oriant (Bretaña) con “moitas ganas” e “coa idea de gañar”, sinala Estévez. O segundo técnico da selección, Santi Rodríguez, asegura que o equipo está “moi preparado e ben conxuntado, o que se notou desde o primeiro partido”, un encontro inaugural con Francia. “O resto da fase de clasificación foi máis sinxela, chegamos á final con cansazo acumulado e mermado fisicamente contra un equipo que mostrou unha cara moito máis competitiva que na fase de grupos”, explica.

Próxima cita, Dublín

En liñas xerais, ambos son positivos a respecto do próximo torneo internacional, o campionato do mundo de GAA – deportes gaélicos- que terá lugar na capital de Irlanda no próximo ano 2019. A segunda capitá mostra reservas co nivel, que será máis alto que na competición europea. “Hai equipas moi boas como Nova York e Canadá, e son torneos de poucos minutos onde predomina moito o factor da sorte e marcar nos primeiros minutos para conseguir unha vantaxe”, detalla. Porén, a xogadora galega asegura que a equipa feminina de fútbol gaélico demostrou “ser moi competitiva, imos a por todas e xa fomos dando avisos nos últimos torneos internacionais”.

Pola súa banda, o segundo adestrador lembra que, mentres que o actual torneo estaba orientado a equipas nativas, a vindeira cita mundial contará “con equipas formadas por irlandesas, que maman o desporto desde crianzas, polo que haberá máis nivel”. Con todo, valora a actual vitoria como “a demostración de que temos opcións no próximo Mundial”. “As rapazas chegan nun momento excepcional, cunha forza e garra tremendas, bravísimas”, louva. 

Este triunfo coroa o longo camiño iniciado hai 8 anos, cando o desporto tomou terra na Galiza. “Custou moito ir ao primeiro Mundial en Abu Dhabi, hai catro anos. Agora mesmo hai moita implicación e inversión por parte das xogadoras, e só nos fai falla a financiación”, conclúe.

Comentarios