A selección española, a semifinais da Eurocopa

Os porteiros foron os grandes protagonistas dunha gris eliminatoria.
Cousas do fútbol: Unai Simón, logo do seu grave fallo ante Croacia nos oitavos, tornou en heroe do partido de cuartos de final. (Foto: UEFA).
photo_camera Cousas do fútbol: Unai Simón, logo do seu grave fallo ante Croacia nos oitavos, tornou en heroe do partido de cuartos de final. (Foto: UEFA).

O primeiro partido de cuartos de final da Eurocopa comezou ben para a selección española, cando unha volea aparentemente sinxela de Jordi Alba envelenábase após topar en Zakaria e entrar na portería helvética. Despois, España dedicouse a sestear durante o resto do encontro, até que, a base de insistencia, chegou o empate no 68 da man de Xherdan Shaqiri, que equilibrou a balanza.

Apenas dez minutos despois, o colexiado inglés Michael Oliver expulsaba Freuler logo dunha criminal entrada sobre Gerard Moreno, o que propiciou a entrada no campo do fillo de galega Loris Benito Souto, pero a cousa non cambiaba e o partido chegaba a unha prórroga na que os españois intentárono unha e outra vez sen sorte até que se chegou á lotería dos penaltis. Aí saíron vencedores os de Luis Enrique grazas á espectacular actuación do porteiro Unai Simón.

Duelo de sorpresas e unha barreira psicolóxica

Na tarde de mañá disputaranse os outros dous partidos de cuartos de final, nos que se enfrontarán República Checa e Dinamarca (18 horas) máis Ucraína e Inglaterra (21 horas). 

O primeiro deles suporá a eliminación dalgunha das dúas maiores revelacións do torneo, pois ambos conxuntos foron de menos a máis e nos oitavos de final protagonizaron senllas exhibicións.

Así, os checos, logo de caer no seu debut ante Inglaterra, empatou ante a Croacia subcampioa do mundo no segundo e acumula dúas vitorias consecutivas por 0-2, a última delas ante unha das máximas favoritas a facerse co triunfo final, Países Baixos.

Dinamarca, pola súa banda, está protagonizando o seu particular 'camiño do heroe', e logo de que Christian Eriksen, o seu xogador estrela, colapsase ante a mirada atónita das súas compatriotas que ateigaban o Parken Stadium de Copenhague, levantou cabeza, apertou os puños, e tras perder coa débil Finlandia na partido inaugural foi quen de clasificarse a oitavos con só tres puntos, onde deu a sorpresa esmagando o País de Gales de Bale e compañía por 4-0.

O outro encontro ten un prognóstico máis claro, e todo o que non sexa unha clara vitoria inglesa ante Ucraína suporá unha sorpresa -case- á altura da eliminación da todopoderosa Francia a mans de Suíza na rolda previa.

O sorprendente conxunto do leste tratará de manter as mesmas liñas mestras que o conduciron até os cuartos de final, mais a solidez que demostraron até o de agora en todas as súas liñas os homes dirixidos por Gareth Southgate fai pensar que Inglaterra volverá rachar coa historia e disputará as súas segundas semifinais consecutivas, despois das da Copa do Mundo de Rusia 2018.

Comentarios