A selección española, contra o 'déjà vu' do clementismo

Última ocasión para un combinado que se desfai ante os ollos de Europa
O foco da crítica céntrase sobre Luis Enrique, sempre pegado á súa neveira sobre a que sentado observa gran parte dos partidos na Cartuja. (Foto: EP).
photo_camera O foco da crítica céntrase sobre Luis Enrique, sempre pegado á súa neveira. (Foto: EP).

A expresión francesa 'déjà vu' define esa sensación que todos tivemos algunha vez na que pensamos "oes, que estou eu xa o vivín antes", e que representa mellor que ningunha palabra da que dispomos no idioma galego a situación relativa ao que se está a vivir arredor da selección española de fútbol, pois tal parece que todo isto xa acontecera hai exactamente 23 anos, no Mundial de Francia.

Os paralelismos son inevitábeis. O seleccionador por aquel entón, Javier Clemente, igual que Luis Enrique no día de hoxe, tamén era unha figura polarizante, distanciada da meirande parte da afección e que protagonizaba interminábeis e amargas polémicas coa prensa.

Unha das críticas máis recorrentes que recibía o técnico vasco era por empregar xogadores fóra da súa posición natural -o porteiro José Francisco Molina debutou como internacional como interior dereito-, escola da que Luís Enrique é un máis que digno herdeiro, como pode dar fe o mellor centrocampista da pasada Liga, Marcos Llorente, reconvertido a lateral dereito.

Outra característica en común que teñen é a marxinación dos astros galegos. Fran apenas disputou oito partidos entre 1992 e 1998, mentres que Iago Aspas e Angeliño parecen non existir para o actual seleccionador. 

Isto débese, en parte, á forma en que ambos conciben a selección, non como un equipo onde reunir os mellores xogadores en cada momento -onde sen dúbida estarían os astros de Carreira, Moaña e Coristanco-, senón unha camarilla de afíns onde factores como o o estado de forma pasan a ser secundarios.

Isto tradúcese nun rendemento deportivo máis que cuestionábel que levou a Clemente a caer eliminado na primeira rolda do Mundial de Francia 98, un destino semella que profético para un Luís Enrique que só será quen de rachalo conseguindo unha vitoria ante Eslovaquia ás 18 horas da cuarta feira.  

A lóxica indica que o ex adestrador do Celta debería aplicar numerosos cambios técnico-tácticos para tratar de corrixir a desesperada situación, mais coñecendo Luís Enrique, e salvo que sucumba a presións superiores da Federación, parece que nomes como o do cuestionadísimo Morata volverán ser da partida.

Portugal loitará por rachar coa historia: os lusos deben reivindicarse ante Francia

Unha parte da prensa lusa imbuíu a dura derrota de Portugal ante Alemaña (2-4) de certo carácter simbólico, de fin de ciclo, como a da propia España no Mundial de 2014 ou a daquela Brasil de Ronaldo e Cafú nos oitavos da Copa do Mundo 2006 que alcanzara as finais dos tres torneos anteriores.

Na cuarta feira (ás 21 horas) Portugal pretende loitar contra ese sambenito demostrando que o de Alemaña foi pouco máis que un accidente causado en gran parte pola funesta actuación individual dun Nelson Semedo que foi titular unicamente pola baixa de João Cancelo e que aínda é un dos combinados favoritos a facerse co título.

Para iso terá que pasar por enriba dunha Francia que tamén tivo o seu pequeno Waterloo na segunda xornada, pois non puido pasar do empate ante Hungría. A pesar de que un empate debería chegar para que ambos os equipos clasificasen, ese punto dos húngaros basta para evitar un posíbel biscotto ante a posibilidade de que se imbúan do espírito dos magiares poderosos de Puskás e dean a sorpresa derrotando á Alemaña do crepuscular Joaquim Löw.

Comentarios