Segundo partido co mesmo obxectivo: tres puntos

Celta e Lugo agardan abrir o seu contador de vitorias ante Osasuna e Real Sociedade B
A última ocasión na que o Celta foi quen de gañar no Sadar foi en 2014, con dous goles de Manuel Agudo Durán 'Nolito'. (Foto: EP).
photo_camera A última ocasión na que o Celta foi quen de gañar no Sadar foi en 2014, con dous goles de Manuel Agudo Durán 'Nolito'. (Foto: EP).

Ninguén lle podía esixir ao Celta máis do que fixo ante o Atlético de Madrid, vixente campión de Liga, na xornada inaugural de competición. Porén, nesta segunda data a escuadra viguesa debe comezar a sumar de tres en tres para non afastarse demasiado diso que no fútbol chaman "a dinámica gañadora", eses elementos intanxíbeis que continúan a ser de vital importancia nunha era na que os fríos números e o 'big data' invaden o deporte rei.

Por iso paga a pena relativizar a súa importancia, aínda que sen obviar que os celestes levan sete anos sen coñecer a vitoria no Sadar, o campo dun Osasuna que visitará na segunda feira -pois hai cousas que nunca cambian, por moito que diga Tebas- ás 22 horas da noite.

Aquel afastado 3 de maio de 2014 o triunfo chegou da man de dous tantos dun home que continúa a ser sinónimo de gol no ataque olívico, Manuel Agudo Durán 'Nolito', que salvo sorpresa ou contratempo de última hora estará acompañado no ataque por Denis Suárez, Brais Méndez, Santi Mina e Iago Aspas, escoltados polo infatigábel Renato Tapia. En defensa, Coudet apostará por Dituro na portería, Javi Galán no carril esquerdo, Kevin para cubrir o dereito e coa única dúbida no centro da zaga, pois Aidoo podería entrar en lugar de Fontán ou de Araújo.

Con respecto ao conxunto rival, este agarda explotar a súa maior ameaza, unha liña de ataque de auténtico luxo conformada por Kike García e Budimir -autores de 23 tantos a pasada tempada- e un Chimy Ávila que parece dicir adeus definitivamente á lesión de ligamentos que o deixou fóra de xogo durante máis de 400 días, xusto a tempo para enfrontarse co último equipo ao que lle marcou un gol, en xaneiro de 2020.

Ademais, os rojillos agardan explotar tamén o sempre determinante factor campo, pois no Sadar congregaranse até 8.000 persoas, que representan unha terceira parte da capacidade máxima do estadio, pero que supoñen un contraste radical coas bancadas baleiras da Liga 2020/21.

Un rival "da Liga" do Lugo

O Club Deportivo Lugo, despois do empate sobre a bucina sumado a pasada semana fronte ao Real Oviedo, ten por diante un partido ante un rival "da súa Liga", a recentemente ascendida Real Sociedade B, hoxe ás 17 horas.

Os rapaces, dirixidos polo lendario Xabi Alonso, lograron ante un rival teoricamente superior como é o Leganés unha vitoria que non colleu por sorpresa ningunha persoa que seguise de perto as evolucións do filial Txuri-Urdin desde que o campión do Mundo e de Europa se fixo cargo do equipo. Por todo iso, mal faría o Lugo en pensar que ten por diante un compromiso doado só por tratarse dun rival novo na categoría ou por xogar ante o seu público no Ángel Carro, e máis tendo en conta que a enfermaría albivermella comeza a desbordarse a pesar de estar na fase inicial da tempada.

O último en caer foi José Ángel Carrillo, que tivo que ser operado dunha pubalxia e será baixa, polo menos, durante os dous próximos meses. O dianteiro únese así aos previamente mancados David Mayoral, Borja e Juanpe Jiménez, Sebas Moyano e Pedro López. 

Con este hándicap terá Rubén Albés que conformar un once de circunstancias -no que por suposto non estará Carrillo, que disputou 20 minutos ante os ovetenses-, o que non é óbice para que desde o Club Deportivo Lugo afronten o partido coa confianza de continuar exhibindo a mesma imaxe que mostraron na segunda metade do último partido, "aínda que sen os dous errores que custaron os goles".

Son verbas de Xavi Torres, quen volverá saír de inicio no medio do campo e que a pesar de considerar a Real Sociedade B "un equipo moi interesante", pensa que farán "un gran partido".

Comentarios