Seareiros do Dépor denuncian insultos e golpes pola Policía en Riazor após o partido co Xetafe

A peña deportivista Rías Baixas lamenta o que cualifica de “desmesurada actuación policial” contra afeccionados dunha peña “absolutamente pacífica”.

riazor bandeira turca

Os campos de fútbol de Galiza volven ser noticia por denuncias de seareiros e afeccionados polo tratamento recibido por empregados da seguridade privada ou axentes das forzas de seguridade do Estado. Nesta ocasión a queixa parte da peña deportivista Rías Baixas, que fai parte da Federación de peñas do Deportivo da Coruña, e fai referencia a un suceso acontecido o pasado domingo en Riazor, após o encontro entre o conxunto coruñés e o Xetafe. Segundo recolle o Observatorio para a defensa dos dereitos e liberdades 'Esculca, e facéndose eco da denuncia da peña branquiazul, 3 axentes da Policías Nacional "insultaron, ameazaron e, nun caso, maltrataron varios siareiros cando estes se dirixían ao autocar estacionado diante da porta 20 da grada de preferencia do estadio de Riazor ou xa estaban no seu interior”.

“O axente entra no autobús e, a golpes, arrastra violentamente J.V. e o seu pai, que tamén se encontraba no interior do vehículo”

Sempre segundo esta versión, os feitos aconteceron após un garda de seguranza da empresa Prosegur, identificado co número 115, facer burla dun siareiro (J.V.) que se encamiñaba ao autocar. Ao preguntar J.V. as razóns da súa actitude, un axente do CNP que se encontra no lugar ordénalle subir ao autocar e acrecenta: “Estás borracho”. Xa desde o interior do autobús, J.V. di ao axente que debería denuncialo por insultalo e por non intervir cando o garda da empresa Prosegur rira del.

“Nese momento, o axente entra no autobús e, a golpes, arrastra violentamente J.V. e o seu pai, que tamén se encontraba no interior do vehículo. Xa no exterior, cando o primeiro axente procede a realizar as dilixencias, un segundo axente aproxímase da porta do autocar e desde alí, dirixíndose as persoas que están no interior, exclama: “Vais a tener una noche muy larga”. Un terceiro axente entra no autocar e pregunta en ton ameazador: ¿Alguno más quiere bajar, o algo más?”, expresión que nega ter dito cando outro peñista lle recrimina a súa actitude”.

Comentarios