Saqués busca o seu décimo adestrador para o CD Lugo

Nos últimas dúas tempadas pasaron tres técnicos por ano no clube albivermello, que destituíu a Juanfran tras a disputa da última xornada da liga.
juanfran_lugo
photo_camera O xa ex adestrador do Lugo Juanfran García, nunha imaxe de arquivo (CD Lugo)

Despois da saída de Juanfran García, o CD Lugo anunciará "proximamente" o "nome do novo adestrador do primeiro equipo da entidade", segundo informou aos medios. O clube comunicou este domingo o cese de Juanfran como adestrador. 

Fíxoo apenas unhas horas despois de o equipo encaixar ante o Mallorca no Anxo Carro a súa cuarta derrota en cinco partidos, os disputados no que vai de tempada. En total, Juanfrán estivo no banco albivermello un total de 11 xornadas. Nas seis da pasada conseguiu a salvación do equipo na Segunda División.

O nome do adestrador andaluz Fernando Estévez é o preferido pola directiva. Tamén soa o asturiano Iván Ania. José Rojo Martín Pacheta, sen equipo tras conseguir na tempada 2019-20 o ascenso á Primera División do Elche ─que non contou con el─ semella afastado polo seu caché.

Sexa cal for, será o décimo adestrador en pouco máis de cinco anos de Tino Saqués, presidente e dono do CD Lugo, que chegou tras un proceso de transmisión de accións por parte do Concello e da Deputación. Daquela, impúxose ao candidato que partía favorito: Gerard López, presidente da escudaría Lotus de Fórmula 1 e do seu accionista maioritario, Genii Capital, así como do club francés de fútbol Lille OSC, que xoga na Ligue 1. López, nacido en Luxemburgo, fillo de emigrantes galegos con orixe en Riotorto, presentara un atractivo proxecto para vertebrar o clube desde a base.

Fin de Setién

A chegada ao clube de Saqués tivo efectos inmediatos. Supuxo a fin da etapa de Quique Setién como preparador do equipo. O técnico cántabro, ex do FC Barcelona, levaba seis tempadas no banco ─tres na Segunda B─, e o presidente nin sequera accedeu a negociar a súa continuidade.

Luis Milla foi o primeiro adestrador contratado por Saqués, administrador único de Frisaqués, empresa fundada en 1997 que se dedica á fontanería e ao frío industrial. O ex xogador do Barcelona, do Real Madrid e do Valencia dimitiu tras 26 partidos. José Durán, á fronte do filial, finalizou aquela tempada (16 xornadas).

Despois, Luís César e Francisco Rodríguez completaron un curso cada un. O galego rexeitou a renovación para ir ao Valladolid; o almeriense, que adestra o Girona, rompeu o contrato que o vinculaba outra tempada co Lugo.

E nas dúas últimas tempadas, tres técnicos por ano: Javi López, 11 partidos; Alberto Monteagudo, 23; Eloy Jiménez, 28; Curro Torres, 15 e Juanfran, 11.

Comentarios