Samuel González e María Barros voan sobre a lama

Novas campioas na Copa Galiza de Ciclocrós.
Instantánea que recolle as gañadoras en todas as categorías. (Foto: FCG)
photo_camera Instantánea que recolle as gañadoras en todas as categorías. (Foto: FCG)

Os resultados da décimo terceira e derradeira xornada non provocaron ningunha variación no máis alto das clasificacións xerais da Copa Galiza de Ciclocrós e, polo tanto, os e as 15 líderes finais por categorías foron Iris Fernández (Academia Postal) e Xián Alvariño (Ponteareas) en cadetes; Sarela Conde (Academia Postal) e André Martínez en júniors; Zaira Vila (Coruxo) e Ricardo Buba en Sub-23; María Jesús Barros e Samuel González en elites; Iria Nieto e Miguel Porto en Máster-30; Paula Blanco e Andrés Calvete en Máster-40; Isabel Castro (Condado Bike) e o portugués Antonio Ferreira en Máster-50 e Tucho González nos Máster-60.

Por tanto, a proba cullerdense, que se desenvolveu no circuíto da Laboral, non tivo unha influencia transcendental nun certame que non supón o adeus á tempada de ciclocrós, pois esta despedirase o vindeiro domingo, 8 de decembro, coa súa cita máis agardada, o Campionato da Galiza, que se desenvolverá en Poio.

Alí será un dos grandes favoritos un Samuel González que puxo a guinda ao seu título cun triunfo na proba raíña masculina, nunha carreira na que a chuvia non fixo acto de presenza nun trazado con treitos enlamados moito máis condicionado polo forte vento.

Con respecto á modalidade feminina, a porriñesa Laura Mira, tras estrear a súa conta de vitorias a xornada anterior en Ponteareas, bateu no trazado da Laboral por 13 segundos a outra Sub-23, Sofía Álvarez (Cambre-Caeiro). Coa terceira posición e co triunfo júnior fíxose Marta Estévez (Supermercados Froiz). A líder elite, María Jesús Barros, rematou cuarta unha proba que non disputou Eva Ortega (Extol), a única corredora que lle podía arrebatar o título.

Iñigo González, do Cortizo, positivo en EPO

A sombra da dopaxe volve sobrevoar o deporte do ciclismo. O Club Ciclista Padronés Cortizo, que o ano pasado contou nas súas filas co campión de España na modalidade elite, Iñigo González, foi informado pola Axencia Vasca Antidopaxe de que este deu positivo en EPO e tramadol na Loinatz Proba de Beasain, que se disputou o pasado 4 de xullo.

Ante este escenario o conxunto galego informou de que, tras falar co corredor, González "asume a súa responsabilidade individual e exculpa a entidade".

Comentarios