Samertolameu gaña unha Liga Galega de Traiñeiras na que foi raíña e señora

A embarcación de Meira venceu en 8 das 13 regatas. Na Liga ACT, Kaiku sentenciou a competición cos seus triunfos en Portugalete e Castro mentres a representación galega (Tirán) ratifica unha temporada excelente

Meira, gañadora da LGT-A
photo_camera Meira, gañadora da LGT-A

A campaña de traiñeiras vai chegando á súa fin. Esta fin de semana fíxoo a Liga Galega, tanto na categoría A coma na B, e en breve vaino facer a ACT. Xa só fica agardar en setembro a Regata da Concha, en Donosti, onde as mellores tripulacións van batirse nas augas do Cantábrico por unha bandeira que sabe a campionato do mundo neste deporte.

A Liga Galega de Traiñeiras foi para Samertolameu. Unha vitoria sen discusión pois os de Meira venceron en 8 das 13 regatas da categoría A. De segundos ficaron os de Cabo de Cruz e de terceiros, Chapela. Agora, Meira e Cabo afían os remos de cara á posibilidade de conquistar unha praza na ACT, a liga na que compiten as mellores traiñeiras de Galiza, Asturies, Cantabria e Euskal Herria.

No que corresponde á categoría B da Liga Galega de Triañeiras, Ares foi a vencedora, sendo o segundo posto para Cabo de Cruz ‘B’ e o terceiro para a de Puebla. A embarcación de Ares competirá na vindeira temporada na categoría A, ocupando o posto de Mecos, que descende á B

Tirán

Na ACT xa está todo o peixe vendido no que respecta a esta temporada. Tras as súas vitorias desta fin de semana en Portugalete e Castro, Kaiku sentenciou a Liga. Ten 15 e 18 puntos de vantaxe sobre Urdaibai e Orio. A outra cara da moeda é a traiñeira de Castro, que vai descender de forma directa. A embarcación de Zumaia xógase nas dúas vindeiras regatas permanecer ou baixar.

A representante galega nesta competición, Tirán, mantén o seu quinto posto, unha praza que esta traiñeira está a manter perante tripulacións con orzamentos moito máis superiores. A embarcación patroneada por David Álvarez fixo unha temporada de enorme mérito, mesmo coa conquista de dúas bandeiras.

Comentarios