Samertolameu conquista a primeira bandeira da tempada de traiñeiras

Impúxose con contundencia en Vilaxoán, onde se desputou a regata da LGT-A, Na Liga ACT, Cabo finalizou quinta e Tirán sexta na bandeira Petronor, que ganou San Juan.

Traiñeira Meira
photo_camera Traiñeira Meira

Samertolameu de Meira fíxose coa primeira bandeira da tempada da Liga Galega de Traiñeiras ao se impor na regata de Vilaxoán. Os de Meira, descendidos da ACT, dominaron a proba desde o comezo e non deron oportunidade a ningunha das outras 11 tripulacións que competían na proba. Os de Samertolameu fixeron un tempo de 19´05'. De segunda entrou a traiñeira da Pobra e de terceira, Coruxo. A clasificación completouse con Castropol, Ares, Bueu, Chapela, Mecos, Amegrove, os anfitrións de Vilaxoán e Perillo. Non houbo competición da categoría B, que inaugurará tempada o vindeiro sábado coa bandeira Escurís Batalla.

Na Liga ACT ou San Miguel (12 traiñeiras: 2 galegas, 1 cántabra e 9 vascas) a regata de Astillero o sáabdo seguiu na liña marcada pola inaugural de Sevilla e na tempada anterior: vitoria de Hondarribia (un tempo de 19´12´´). Impúxose ás competidoras directas, Urdaibai, Kaiku e Orio. As 'fab four' volverán dominar a tempada, presúmese. Mais ás portas dese selecto club de catro traiñeiras púxose na regata en augas cántabras Cabo de Cruz, que finalizou quinta (19´32´´). Tirán acabou novena. O domingo, na Bandeira Petronor, Cabo volveu finalizar quinta e Tirán logrou ser sexta. Venceu San Juan.

Na clasificación xeral os de Cabo están sextos e os de Tirán, novenos. Na clasificatoria ao mellor patrón os dous galegos figuran entre os cinco primeiros: o de Cabo de Cruz, Alfonso Díaz; e o de Tirán, David Álvarez. Todo un recoñecemento ao traballo destes patróns.

Comentarios