Samertolameu e Cabo lideran a Liga Galega de Traiñeiras

As augas de Rianxo consolidan o seu dominio
1b8a71886d0b06ae059996bd3faec43140ebe9af
photo_camera 1b8a71886d0b06ae059996bd3faec43140ebe9af

A Liga Galega de Traiñeiras 'A' e a Liga Feminina desprazáronse a Rianxo para disputar unha nova xornada do Trofeo Xunta da Galiza. Cun mar picado e un vento elevado, as remeiras da Liga Feminina foron as primeiras en saír a competir. Fixérono con dificultades debido á climatoloxía pero finalmente, sen estacha, puideron facelo. 

A quenda non tivo moita intriga, porque Rianxo, ante o seu público, marcou un ritmo que as rivais non puideron aguantar. Ribeira intentouno, pero sen éxito, ao igual que Mugardos, que chegou a estar a menos de 10 segundos das de Ribeira, pero que finalmente acabou bastante lonxe. Fechou Pobra, e aínda que as condicións dificultaron moito a regata para a embarcación debutante, as remeiras loitaron até o último momento.

A segunda quenda estivo moito máis igualada, cunhas condicións climatolóxicas máis favorábeis. Comezou con Chapela liderando por diante de Cabo e con Salgado-Perillo e Tirán Pereira seguindo moi de cerca. Na segunda referencia, Chapela seguía na cabeza, Tirán poñíase á altura de Cabo e fechaba Perillo, pero na última virada foi Cabo de Cruz a que chegou por diante, con Tirán á par de Chapela e Perillo, aguantando. Finalmente, Cabo asegurou a súa vitoria e aumenta o seu liderado na Liga, xa que as rapazas de Tirán Pereira conseguiron superar a Chapela. 

Noveno triunfo para Samertolameu Oversea

Tras as mulleres, chegou o momento da Liga 'A', con dúas quendas lanzadas. Na primeira Cesantes liderou por diante de Muros e Salgado Perillo, mentres que na segunda Pobra fixo o propio sobre Mera e Rianxo.

Os cambios e a emoción estiveron na segunda manga. No ecuador da proba, Mera colleu a dianteira por diante de Pobra e de Rianxo, pero no último longo Pobra devolveulle a moeda a Mera, gañándolle por apenas un segundo. 

Tras as quendas lanzadas saíron a competir as favoritas. Comezou liderando Samertolameu Oversea, apenas un segundo por diante de Bueu Teccarsa, catro de Cabo e seis de Mecos. Pero a igualdade inicial foise diluíndo co paso das viradas. Ao terceiro xiro, o líder consolidouse para lograr a súa novena vitoria da tempada, superando Bueu Teccarsa (terceiro) e Cabo (segundo). 

Comentarios