O CELTA CELEBROU O REGRESO A EUROPA E O DéPOR, SER DE PRIMEIRA UN ANO MáIS

Salvados e de volta

O Deportivo da Coruña sálvase en Vilarreal e fecha tódas as posibilidades de descenso. O Celta de Vigo gaña ao Málaga, sitúase na quinta praza e celebra coa afección a volta a Europa.

w_900x700_08182314villarrealcf-deportivo_21
photo_camera Lucas e Fajr certificaron a permanencia con dous golazos no Madrigal. Foto: La Liga

O Deportivo será equipo de Primeira División un ano máis, despois de gañar contundentemente a un Vilarreal con resaca europea e nada en xogo na Liga. Un golazo de Fayçal Fajr dende fóra da área, na primeira metade, e outro gran tanto de Lucas Pérez cunha galopada impresionante, na segunda, déronllelos tres puntos necesarios para poder respirar tranquilos como equipo de Primeira División.

Unha salvación que chega tras unha tempada moi boa, que a piques estivo de complicarse máis da conta. A vitoria de onte tivo propiedades curativas. O Deportivo recuperou sensacións e afastou as polémicas xurdidas nos últimos compases da tempada. Os coruñeses demostraron ser un equipo e apenas concederon opcións ao Vilarreal, que non deu sensación de poder virar o resultado en ningún momento do partido e só tivo ocasións de gol nos pés de Leo Baptistao, após dun rexeite de Manu, con 0-1 no marcador e cun cabezazo ao pau, xa co tanto de Lucas na conta deportivista. Péchanse así tódalas cábalas e contas feitas estes días en relación ás probabilidades de descenso. Xa non haberá triples empates nin aparecerá o traizoeiro gol averaxe.

A salvación  chegou despois dunha tempada moi boa, que a piques estivo de complicarse máis da conta

O Deportivo seguirá na máxima categoría, a todos os efectos, un ano máis e tén un último encontro ante o Real Madrid en Riazor no que poderán redimirse ante a afección e complicárllela vida aos brancos na loita pola Liga.

O Celta, a Europa

Pola súa parte o Celta volta a Europa despois de 10 longos anos, nos que o clube pasou de salvarse do descenso nun partido agónico no que xurdira un descoñecido Iago Aspas para revivir aos celestes ata acadar o ascenso na tempada 2011-12. Os celestes prepararon unha grande festa para celebra-la clasificación matemática conseguida hai dúas semanas ante o Granada.

A volta a Europa simboliza o éxito dun proxecto arriscado, baseado na canteira

Esta festa recibiu o acollemento masivo da afección e tivo tintes de emoción debido ao simbólico do fito. A volta a competicións europeas significa o éxito dun proxecto, a consecución dun modelo tanto económico como de valores, apostando forte pola canteira e convertindo a un equipo endebedado e no fío do descenso a Segunda B, nun clube saneado económicamente e en disposición de competir con grandes conxuntos europeos. A conta pendente: O Estadio de Balaídos, coas obras ralentizadas e nun estado máis que mellorable.

Os celtistas agradeceron a labor de Mouriño cun tifo

O último partido de Liga disputado en casa ante o Málaga serviu ademais para situarse na quinta posición que deberán loitar por manter a vindeira semana no Vicente Calderón ante un Atlético de Madrid que perdeu, no Ciutat de Valencia, toda posibilidade de acadar o título de liga. O Celta venceu cun tanto de Nolito, que culminou unha grande xogada de combinación, e el mesmo puido aumentar a conta pouco despois cun tiro ao pau largo. Con todo, o Celta tirou de oficio e asegurou tres puntos moi importantes, xa que a quinta praza cobra grande importancia, pola posibilidade de evitar a rolda previa clasificatoria para a Europa league. A situación actual favorece ao Celta, que aventaxa nun punto ao Athletic Club de Bilbao, que se enfrontará ao Sevilla en San Mamés.

Comentarios