A salvación albivermella pasa por gañar en Vaiecas

Cando nunha mesma tempada sofres unha xeira de resultados tan negativa que só es quen de gañar un partido en cinco meses, o habitual é que chegues á derradeira xornada de campionato matematicamente descendido. Pero ese non é o caso do Club Deportivo Lugo, que mesmo despende de si mesmo para lograr a permanencia.
O Club Deportivo Lugo volverá xogar nunha segunda feira, e xa é o equipo da categoría que máis partidos leva disputado ese día en 2021. (Foto: CD Lugo).
photo_camera O Club Deportivo Lugo, obrigado a gañar para lograr a salvación. (Foto: CD Lugo).

As finais hai que gañalas. Para mostra, as polémicas imaxes dos xogadores do Manchester United sacando con carraxe as medallas de prata do pescozo nada máis recibilas logo de perder a Europa League ante o Vilarreal.

O caso do Lugo é aínda máis grave, pois nin sequera hai premio de consolación. Todo o que non sexa sumar os tres puntos na derradeira xornada de Liga ante o Raio en Vaiecas (domingo, 21 horas) será practicamente sinónimo de descenso.

A razón está en que, a pesar de que tecnicamente afronta esta data decisiva coa tranquilidade que confire verse fóra do pozo con 44 puntos, os seus rivais directos na loita pola salvación teñen compromisos moito máis sinxelos, pois enfrontaranse contra rivais que, a diferenza dun Raio que apura a súa última oportunidade para meterse no play-off de ascenso á Primeira División, non se xogan nada.

Deste modo, a Agrupación Deportiva Alcorcón, que suma un punto máis que a escuadra galega (45) e que, ademais, lle ten gañado o decisivo golaverage, recibe a visita dun Español que baixou o seu rendemento drasticamente desde que hai xa case tres semanas se asegurara o regreso á máxima categoría.

Pola súa banda, o Logroñés, empatado a puntos co Lugo -mais co golaverage perdido-, xoga no histórico estadio das Gaunas ante unha Unión Deportiva As Palmas situada na metade da táboa e sen posibilidade ningunha de disputar o play-off.

E, finalmente, os cataláns do Sabadell (43), visitan a casa doutro equipo sen ningún tipo de incentivo nesta derradeira xornada, o Mirandés, que se atopa nunha realidade análoga á da Unión Deportiva As Palmas.

Consciente deste panorama, e de que será necesaria outra fazaña como a do ano pasado para lograr a salvación, a parroquia lucense acudirá en masa mañá ás 14.15 horas á explanada do hotel Torre de Núñez para facerlle sentir aos seus todo o alento da afección antes de pór rumbo a Madrid. Alí, na capital do Estado, agarda un equipo que podería chegar a conformarse co empate se o Sporting de Xixón non consegue a vitoria ante o Almería, mais o reparto de puntos moi probabelmente non sexa suficiente para que os galegos logren a salvación, polo que, como dixo Rubén Albés, "o que toca é gañar".

O positivo no Choco condiciona a Terceira Galega

Ás portas da disputa do play-off de ascenso á Segunda RFEF, o domingo deberían disputarse os encontros da Terceira Galega entre Alondras e Estradense e o Somozas-Choco, mais tan só se xogará o primeiro -previsto para as18 horas e onde se coñecerá o nome do rival do Polvorín na primeira das semifinais- logo de que este último encontro fora adiado a causa dun positivo no conxunto redondelano.

Así, o protocolo estabelece que tanto xogadores como corpo técnico permanezan en situación de illamento polo menos até o vindeiro 1 de xuño, momento no que se someterán a novos controis, quedando previsibelmente estabelecida unha nova data para recuperar o choque adiado entre os días 6 e 9 de xuño, o que obrigará a atrasar todo o calendario competitivo, incluíndo as semifinais e a gran final que determinará quen acompañará os xa ascendidos Arenteiro e Bergantiños na nova Segunda RFEF. 

A Preferente chega á súa fin en horario unificado

A derradeira xornada da primeira fase da Preferente Galiza disputarase este domingo en horario unificado ás 18 horas da tarde co aliciente de coñecer o nome dos cinco equipos que acompañarán Sofán, Noia, Sarriana, Atlético Arnoia, Barbadás, Xuvenil de Ponteareas e Gran Peña na fase de ascenso á Terceira Galega. 

Comentarios