Salva Ballesta afirma que non vai ao Celta pola presión "política" de siareiros celestes

O ultradereitista Salva Ballesta vén de afirmar nunha radio española que se non é segundo adestrador do Celta é "por un grupo de siareiros do Celta", que o vetan por "motivos políticos". A caverna mediática españolista sae en defensa de Ballesta.
Salva Ballesta
photo_camera Salva Ballesta

Vén de afirmalo en Radio Marca. Salva Ballesta, segundo de Abel Resino, novo adestrador do Celta, recoñece que se non recala no clube vigués é "porque un grupo de siareiros, por motivos políticos, non estaba a favor de que fose" ao equipo celeste.

Salva, coñecido pola súa ideoloxía de ultradereita que evidenciou máis dunha vez xa como xogador, afirma nesa entrevista a que "é unha mágoa que nestes tempos se confunda a política co deporte. Eu nunca falei de política, só dixen que estou moi orgulloso de ser español".

"Eu nunca falei de política, só dixen que estou moi orgulloso de ser español"

Ballesta di que xa saira de Málaga en dirección Vigo, mais cando se atopaba á altura de Madrid "chamoume o presidente do Celta para decirme que non ía poder ser". Salva di que el non actuaría como Abel Resino: "Se o meu segundo non asina, eu tampouco"-

Apoio da caverna mediática españolista

Desde a caverna mediática españolista non tardaron en sair en defensa de Ballesta. Así, desde Libertad Digital asegúrase que o Celta vetou ao segundo de Abel por "español", facendo fincapé en que nos foros e redes os siareiros do Celta alcumaban a Ballesta de "facha", "españolista" e "nazi". E desde o ABC afirman que Salva Ballesta é "demasiado español para o Celta". En Idea dise que o Celta vetou a Ballesta "por se sentir español".

E nesta listaxe non podía faltar Intereconomía, que di que o motivo de que Salva Ballesta non vaia ao Celta é por mor "de su españolidad".

 "A España servir hasta morir"

O polémico ex-xogador do Atlético de Madrid e do Valencia non ocultou nunca as súas simpatías coa ultradereita e tivo varias denuncias na súa época de xogador por declaracións fascistas.

En 2004 chegou a afirmar que para rematar coa violencia en Euskal Herria había que darlle "72 horas aos que hai que darllas e verás como se acaba rápido". Noutra entrevista a unha web ultra aseguraba que "España está por riba de todo" e que "as Forzas Armadas e os Altos Mandos deberían dar un taconazo". Remataba a mesma entrevista asegurando que gostaría de coñecer a Tejero e cun "a España servir até morrer".



Comentarios