O Salnés centrará a fase final da Copa das Rexións UEFA

As seleccións comarcais xogarán no Deza.
A selección galega no estadio da Lomba, en Vilagarcía, en 2022. (Foto: RFGF)
photo_camera A selección galega no estadio da Lomba, en Vilagarcía, en 2022. (Foto: RFGF)

Cada vez queda menos para que a Galiza acolla a fase final da Copa das Rexións UEFA. Esta fin de semana a organización realizou o sorteo do campionato e agora veñen de anunciar os campos de xogo que se empregarán. Após a visita dunha delegación  internacional para comprobar as mudanzas solicitadas, os catro estadios escollidos coinciden na comarca do Salnés e serán A Lomba (Vilagarcía de Arousa), Burgáns (Cambados), Baltar (Portonovo, Sanxenxo) e A Senra (Ribadumia).

As instalacións deportivas do Celta e os campos de fútbol do Salvador Otero (A Illa de Arousa), San Pedro (Vilalonga, Sanxenxo), O Revel (Sanxenxo) e o Municipal de Baltar (Sanxenxo) únense á infraestrutura de instalacións que se utilizarán nesta fase final como campos para os adestramentos das oito seleccións participantes nesta edición.

O grupo da Irmandiña

A selección galega, pola súa parte, quedou encadrada no Grupo A xunto coas seleccións de Bavaria (Alemaña), Zenica-Doboj (Bosnia e Hercegovina) e a República de Irlanda amadora. O seu primeiro partido será o 9 de xuño ás 19 horas no campo de Burgáns, ante a República de Irlanda amadora.

O segundo partido da Irmandiña decorrerá o 11 de xuño no campo de Baltar ante Zenica-Doboj (Bosnia e Hercegovina) ás 19 horas. Por último, a terceira e última xornada da fase de grupos para o equipo que prepara Iván Cancela disputarase o 14 de xuño ás 19 horas no campo da Lomba, ante Bavaria (Alemaña). 

Lalín e Silleda coroarán as seleccións comarcais

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciou tamén o desenvolvemento da fase final do Campionato Galego de Seleccións Comarcais, que decorrerá os días 3 e 4 de abril nos municipios dezaos de Lalín e Silleda. Os campos escollidos para que xoguen as categorías Sub-11 e Sub-13 masculinas e Sub-11 e Sub-14 femininas serán o Manuel Anxo Cortizo (Lalín) e Outeiriño (Silleda) e A Gandareira (Bandeira, Silleda).

En Fútbol 8 disputáronse catro partidos na primeira fase e decorrerán dous nesta segunda, un total de seis partidos na liga de grupos. En Fútbol 11, pola súa parte, foron dous encontros na primeira fase e haberá un partido na segunda fase, un total de tres partidos.

Comentarios