Salgueiro, Calvo, Abeledo e Alina, gañan o Ribeira Sacra

Carreiras espectaculares no V Trail con saída e chegada desde Luintra, en Nogueira de Ramuín. A competición constaba de dúas carreiras con percorridos de diferente extensión: unha de 47 quilómetros e outra de 24 quilómetros.
O podio da carreira feminina de 24 quilómetros en Luíntra (Trail Ribeira Sacra).
photo_camera O podio da carreira feminina de 24 quilómetros en Luíntra (Trail Ribeira Sacra).

A volta do Trail Ribeira Sacra, despois da parada con motivo da pandemia do ano pasado, constatou a boa acollida que hai na Galiza deste tipo de probas.

A competición constaba de dúas carreiras con percorridos de diferente extensión: unha de 47 quilómetros e outra de 24 quilómetros. A primeira deu saída desde Luíntra, Nogueira de Ramuín, ás oito da mañá para, dúas horas despois, comezar a segunda. 

A rivalidade comezou xa desde o inicio. Na primeira carreira tomou a dianteira Adrián Rodríguez, mais foi Fran Salgueiro quen rematou en primeira posición cun tempo de 5:32:54.

A segunda praza ficou nos pés de Adrián Rodriguez (05:39:20) e de terceiro aterrou Iván Barreiro (05:48:59). 

En mulleres, Verónica Calvo deu a sorpresa completando o durísimo percorrido en 7:17:11. A corredora galega salvou a lesión que tivo hai catro meses e mesmo algunhas caídas durante a proba. En segundo lugar chegou Cati Vives Vived con 7:53:12 e Sandra Fernández quedou terceira con 7:59:55. 

Vitoria con anécdota

Na carreira de 24 quilómetros, Iago Abeledo chegou primeiro tras facer un tempo de 02:39:07 e protagonizar a anécdota da xornada ao trabucarse de percorrido e levar todo o pelotón ás súas costas durante un quilómetro.

"Saín moi rápido, confundinme nun cruzamento e cando me din conta, seguíanme todos. Así que tocou ir rápido porque non sabía se había alguén diante ou non e cando cheguei ao primeiro control dixéronme que era o primeiro" aseguraba ao remate, "aínda así ao non ter referencias, tirei de cabeza e apertei até o final cos cálculos que tiña dunhas dúas horas e media de carreira", concluía. Ao remate da proba Manuel Casado ficou segundo (02:43:11) e Chema Quintián terceiro (02:46:20). 

O podio feminino nesta distancia encabezouno este ano a corredora Dorina Alina (03:19:00) seguida en segundo lugar de Natalia Sierpes (03:31:16) e de terceira ficou Andrea Montero (03:44:47). 

Nesta edición a organización do Trail Ribeira Sacra tivo que cancelar a zona de degustación habitual de cada ano ao remate da carreira e substituíuna por un premio final para todas as persoas participantes que consistiu nunha caixa de produtos galegos cedida por diferentes patrocinadores.

Comentarios