Salamanca pon a proba a infalibilidade do Dépor

Deportivo, Celta B e Rácing de Ferrol, os representantes galegos na Primeira RFEF, afrontan esta fin de semana tres difíciles partidos ante Unionistas, Calahorra e Zamora. Pola súa banda, o Lugo recibe un rival 'da súa liga', o Real Zaragoza, mentres que o Celta agarda estender o seu bo momento ante o Granada xa na segunda feira.

De non vencer este sábado, o abulense Borja Jiménez ten serias opcións de engrosar a longa lista de adestradores cesados polo Dépor. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera De lograr o triunfo en Salamanca, Borja Jimenez lograría a súa mellor marca consecutiva como técnico profesional (Foto: RCD).

"Salamanca, a unos sana y a otros manca", reza o vello refrán castelán, que serve como perfecto aviso para un Deportivo que, a pesar do actual estado de graza no que está inmerso, debe manter a concentración en todo momento se non quere saír 'mancado' do duelo ante o Unionistas previsto para as 12 horas de mañá domingo.

A pesar do triunfo pola mínima (0-1) do ano pasado, Salamanca non é terra propicia para os intereses herculinos, e os rexistros evidencian dolorosos e recorrentes tropezos en terras charras, como as goleadas recibidas nos tempos de gloria da desaparecida Unión Deportiva Salamanca, que superou os branquiazuis por 4-1 en 1997 e por 3-1 en 1998, xusto antes do seu descenso de categoría e posterior caída en desgraza.

O seu herdeiro espiritual, Unionistas, é un conxunto sólido que da man do seu técnico Dani Mori transita en segunda posición da categoría, a tan só dous puntos dun Deportivo que contará co apoio de, como mínimo, 600 afeccionadas que se desprazarán até Salamanca no que será o primeiro viaxe masivo desde o inicio da pandemia.   

Compromisos trampa para Rácing de Ferrol e Celta B

Os outros dous representantes galegos na categoría, Rácing de Ferrol e Celta B, afrontan dous compromisos trampa ante Zamora e Calahorra, respectivamente. Os Diaños Verdes aspiran a dar mañá, tamén a partir das 12 horas, un definitivo paso adiante na táboa, onde ocupan a décimo segunda posición, e para iso teñen a obriga de superar no sempre complicado Ruta de La Plata a un Zamora co que están empatados a puntos aproveitándose de que os locais non están ofrecendo o rendemento co que sorprenderon a pasada tempada.

Pola súa banda, o filial celeste afronta este sábado 25 de setembro ás 17 horas un choque teoricamente doado ante o penúltimo clasificado, Calahorra, que aínda non sabe o que é sumar de tres en tres, pero que leva toda a semana conxurado para lograr a primeira vitoria.

Mareas vivas de cor celeste 

A pesar de que a pasada xornada o equipo logrou abrir o contador de triunfos, saíndo de paso da zona de descenso, o foco en Vigo leva toda a semana fóra do eido estritamente futbolístico, e entre a parroquia celeste fálase máis da polémica co club a causa da distribución daos socias e dos boletos que do encontro da segunda feira (21 horas) ante un Granada que conta con tan só un punto menos que o Celta na táboa.

A afección denuncia que a directiva a está trasladando desde os asentos que lles corresponden como aboados e aboadas a causa das obras de reforma de Balaídos e as restricións sanitarias ao mesmo tempo que pon á venda para o público en xeral boletos para esas mesmas bancadas para as que supostamente non había espazo, chegando a realizar esas relocalicacións en lugares de peor visibilidade ou en bancadas peores, e mesmo a separar núcleos familiares ou de amizades.

O Lugo, a "pulir detalles" para non perder puntos

A única escuadra galega na categoría de prata volve á acción maña ás 20.30 horas no Ángel Carro ante un rival 'da súa liga' como é o Real Zaragoza co desexo de lograr tres puntos que eliminen o mal sabor de boca deixado pola derrota de última hora da pasada semana ante o Fútbol Club Cartaxena.

Consciente diso, Fernando Seoane manifestou que tanto el como os seus compañeiros deben "pulir algúns detalles" para non volver ser penalizados por erros puntuais que acaban por custar uns puntos que, a final de tempada, poden chegar a ser determinantes para conseguir o obxectivo da salvación, que o centrocampista compostelán comparou con "gañar un título como a Liga de Campións".

Comentarios