Sábado fantástico na Eurocopa: Portugal-Alemaña, prato estrela na xornada raíña do torneo

O día de mañá leva marcado no calendario das amantes do fútbol desde que a UEFA oficializou o calendario da Euro como, quizais, o máis potente en canto ao nivel dos partidos, cun Portugal-Alemaña, outra quenda para ver as evolucións de Mbappé e compañía e o España-Polonia.
Os lusos pretenden 'vingar' a recente derrota que sufriron ante Alemaña na final da Euro Sub-21. (Foto: Europa Press).
photo_camera Os lusos pretenden 'vingar' a recente derrota que sufriron ante Alemaña na final da Euro Sub-21. (Foto: Europa Press).

A Eurocopa 2021, estabelecendo unha analoxía co ciclismo, alcanza este sábado a etapa raíña da súa primeira fase cos partidos que enfrontarán Hungría con Francia (15 horas), Portugal-Alemaña (18 horas) e Polonia contra España (21 horas).

O primeiro non ten máis aliciente que ver de novo en acción -nesta ocasión ante un rival moi inferior- á máxima favorita ao triunfo final. Ben diferente é a situación da selección española, que precisa imperiosamente dunha vitoria ante a Polonia do actual Bota de Ouro, Robert Lewandowski, se non quere chegar ao último encontro sen depender de si mesma.

E no caso do Portugal-Alemaña,  unha vitoria dos vixentes campións deixaría practicamente fóra do torneo aos alemáns e aclararía definitivamente o panorama no 'Grupo da morte'.

Suecia-Eslovaquia

O de España está sendo un dos grupos máis frouxos en canto a espectáculo futbolístico, e o Suecia-Eslovaquia (1-0) disputado na tarde de hoxe non foi unha excepción a esta tónica.

O único capaz de rachar a igualdade entre dous conxuntos con demasiado medo a fallar foi unha pena máxima materializada por Forsberg nunha segunda metade que estivo máis animada que un primeiro tempo realmente soporífero. Tan só puntuais bafareiras de calidade do veterano Hamsik e as intervencións de ambos os porteiros animaron un choque que, á espera do resultado dos españois, deixa todo aberto no Grupo E.

Croacia-Chequia

Máis interesante estivo un duelo entre croatas e checos (1-1) caracterizado pola intensidade, até tal punto de que o gol inicial foi transformado por un ensanguentado Schick -novo máximo goleador do torneo- desde o punto de penalti logo de recibir unha dura cotobelada de Lovren.

No segundo tempo cambiou o conto e o croata Perisic aproveitou un despiste defensivo da Nároďák para subir ao marcador un empate que tornaría en definitivo, pois ambas seleccións darían por bo o resultado, evitando correr riscos innecesarios.

Comentarios