Rugby para todos e todas en Ribadeo

O campo de Outeiro acolle mañá un torneo inclusivo deste deporte.
O acto de presentación deste evento deportivo caracterizado pola igualdade tivo lugar na xornada de onte na Devesa (Ribadeo). (Foto: Xunta).
photo_camera O acto de presentación deste evento deportivo caracterizado pola igualdade tivo lugar na xornada de hoxe na Devesa (Ribadeo). (Foto: Xunta).

Existen innumerábeis frases feitas, tópicos e lugares comúns sobre o deporte e os seus beneficios para a saúde física e mental, aínda que non se adoita incidir en demasía na súa potencialidade no eido da integración.

Por iso, o Club Ribadeo Rugby, co apoio de entidades como o Concello ribadense ou a Xunta da Galiza, argallou o I Torneo de Rugby 7 Inclusivo, que se enmarca na iniciativa 'Incluíndo co Camiño', que pretende promocionar o deporte inclusivo, en xeral, e o rugby en particular, entre a poboación tanto de Ribadeo como doutros cinco concellos da contorna: Lourenzá, Mondoñedo, Abadín, Trabada e Barreiros.

Ademais, 'Incluíndo no Camiño', que se denomina así porque abrangue unha serie de territorios polos que transcorre a Ruta Xacobea do Norte, compleméntase con accións paralelas de carácter non só deportivo, senón tamén artístico e cultural, como música, pintura e fotografía. De feito, nada máis de rematar o I Torneo de Rugby 7 Inclusivo, previsto para a súa disputa no campo de Outeiro, na Devesa, ás 15 horas da tarde de mañá, terá lugar unha festa con actuacións musicais de grupos locais e degustación de produtos da zona.

Mais, que en que consiste o rugby inclusivo? Nunha actividade mixta en igualdade, na que as persoas con diversidade funcional pasan a ser xogadoras en pé de igualdade e son tratadas de ti a ti, sen distincións de ningún tipo, favorecendo eidos como a autoestima, a socialización e a psicomotricidade.

80 deportistas e máis de 1.000 persoas involucradas

O I Torneo de Rugby 7 Inclusivo foi presentado oficialmente esta quinta feira polo presidente do Club Ribadeo Rugby, Daniel Sever; un representante da Fundación Eden -entidade sen ánimo de lucro que colabora coa competición-, Rubén Llenderrozos; os concelleiros de Ribadeo Jorge Díaz e Daniel Vega; así como polo xefe territorial da Vicepresidencia Primeira da Xunta da Galiza, Gerardo Criado. Durante a mesma, a organización confirmou que o certame reunirá aproximadamente de 80 deportistas, e que o evento podería mobilizar "aproximadamente 1.000 persoas".

O rugby estará nos Xogos Inclusivos

Sempre se dixo que o fútbol é "un deporte de cabaleiros practicado por bárbaros" e o rugby "un deporte de bárbaros practicado por cabaleiros". Nada máis lonxe da realidade, pois o tempo demostrou que o rugby, entre outros beneficios, representa un gran método no camiño á integración das persoas con diversidade funcional.

Por iso, o Consello Superior de Deportes (CSD) vén de informar que será unha das nove disciplinas -xunto con atletismo, bádminton, baloncesto en cadeira de rodas, judo, natación, taekwondo, tenis de mesa e triátlon- que conformen o cartel dos I Xogos Inclusivos, que se desenvolverán nas instalacións do Centro de Alto Rendemento (CAR) do propio CSD en Madrid a partir do vindeiro día 7 de outubro e nos que serán da partida deportistas de todos os recunchos do Estado, incluída Galiza.

A principal característica destes Xogos pioneiros -e que poderán seguirse vía streaming- é que competirán xuntas deportistas con e sen discapacidade baixo un marco normativo propio e inclusivo creado polas respectivas federacións.

Comentarios