RECORTARANSE AS ACTIVIDADES DAS SELECCIóNS

O rugby galego trata de recuperar a normalidade tras aprobar o seguro médico

A situación do rugby galego está máis perto de se normalizar despois de que a Federación Galega de Rugby asinara, por fin, o Seguro Obrigatorio Deportivo. O incremento do prezo do seguro terá consecuencias nas actividades das seleccións, que verán recortados os campionatos.

Galiza-Euskadi de rugby
photo_camera Galiza-Euskadi de rugby

A situación do rugby galego volve á normalidade logo de que a Xunta Directiva da Federación Galega de Rugby asinara o Seguro Obrigatorio Deportivo. Nun comunicado de prensa, a Federación informa do acordo, “a suba é grande” e a proposta “non é a ideal, mais non deixa de ser a única en condicións asumíbeis”. Así, as condicións asinadas estabelecen que a prima total por asegurado sexa de 315,5 euros máis unha franquicia de 200 euros por sinistro, estudo realizado para unha base de 600 asegurados.

Antes da sinatura do acordo, as condicións dos novos seguros chegaban a cuadriplicar, en algúns casos, o prezo da ficha do ano pasado. “Caéronse moitas operacións ao longo dun camiño tortuoso que por fin se endereza agora”, sinala a Federación, que lembra que a problemática “vén de lonxe”. Todo o rugby estatal, afirma, sofre o mesmo problema, provocado por ser considerado un deporte “minoritario”.

A Federación agradece a “gran presión” que soportaron os clubs e advirte do “inmenso esforzo económico” que terán que afrontar. A propia Federación tamén terá que apertarse o cinto. De feito, xa renunciou a cobrar o canon sobre cada ficha, amais de facilitar o pagamento en dous prazos.

Dado o recorte de orzamentos que implicará a sinatura do seguro, a Federación xa advirte de que “este ano non quedará máis remedio que seleccionar moito as actividades e campionatos aos que se desprazarán as nosas seleccións”.

Comentarios