domingo 09/05/21

Rubén Albés, a asaltar a fortaleza de Ponferrada

As competicións futbolísticas entran no seu tramo final cos distintos equipos galegos obrigados a gañar para conseguir os seus respectivos obxectivos. O máis necesitado dun triunfo é o Lugo, que necesita volver cos tres puntos dun estadio tan complicado como é O Toralín, no que o Ponferrada só perdeu tres partidos.
Albés, no centro, escoltado polos seus asistentes: Ivan Cabezudo (esquerda) e Toni Madrigal (dereita).  (Foto: CD Lugo).
Albés, no centro, escoltado polos seus asistentes: Ivan Cabezudo (esquerda) e Toni Madrigal (dereita). (Foto: CD Lugo).

O Lugo afronta un desafío maiúsculo na súa visita mañá (20.30 horas) ao Estadio do Toralín, a fortaleza -case- inexpugnábel na que a Ponferradina xoga os seus partidos como local. A escuadra berciana sustenta a súa privilexiada oitava posición no campionato, cos postos de play-off a tiro de pedra, no seu poderío na casa, onde tan só Sporting de Xixón e o líder Español perderon menos partidos que os de Ponferrada (3).

Isto non fai senón magnificar a magnitude dun reto xa de por si extremadamente complicado para o Club Deportivo Lugo, como é conseguir a súa primeira vitoria nos últimos 14 partidos, mais non ten outra opción se quere abandonar uns postos de descenso nos que se viu inmerso logo de seis meses fóra.

Con ese obxectivo Saqués puxo fin á desastrosa segunda etapa de Luís César Sampedro á fronte do equipo, na que tan só foi quen de sumar tres puntos de 24 posíbeis e, para sorpresa da parroquia albivermella, apostou como o seu substituto por un técnico galego sen experiencia na categoría, Rubén Albés.

Este vigués de 36 anos afronta en Lugo o maior reto da súa carreira -logo de dirixir, entre outros conxuntos, os filiais do Celta e do Valladolid-, e durante a súa presentación oficial manifestou estar "seguro" das capacidades dos seus homes e fixo un chamamento a "esquecer" o pasado para "darlle a volta á tortilla", comezando polo partido ante o Ponferrada.

Nova quenda para que o Celta asine a permanencia

Cada partido que pasa parece máis cerca de conseguirse, aínda que logo de dous encontros seguidos perdendo vai medrando a ansiedade por lograr un triunfo que certifique virtualmente a permanencia un ano máis na máxima categoría.

O terceiro match-ball para os do Chacho Coudet chegará mañá ás 18.30 horas en Balaídos ante o Osasuna. Os navarros adiantaron os celestes na clasificación logo dos seus últimos tropezos na táboa, e afrontan a visita a terras galegas coa tranquilidade que outorga saberse salvados, unha relaxación que poderían aproveitar uns futbolistas olívicos que agardan que non se repitan as polémicas decisións arbitrais  relacionadas co uso dun VAR "que debería estar para axudar, non para confundir", como criticou o capitán Hugo Mallo.

Seis finais a domicilio na Segunda División B

Os conxuntos galegos dos grupos que loitan polo ascenso a Segunda División e pola permanencia na Primeira RFEF superan o ecuador da competición nunha cuarta xornada na que todos terán que desprazarse lonxe dos seus domicilios.

Así, o Celta B apura as súas opcións de colarse no play-off de ascenso ante un rival directo como é o Valladolid B -curiosamente, os dous equipos nos que fraguou a súa carreira o flamante técnico do Lugo- o domingo ás 11.30 horas.

Pola súa banda, Deportivo e Rácing de Ferrol pretenden afianzar en terras asturianas a súa privilexiada posición como primeiro e segundo clasificado do grupo 1-D, respectivamente, pois visitan os campos do Langreo (mañá, 18 horas) e do Luanco (domingo, 17 horas). Un pouco antes que os coruñeses, ás 12 horas do domingo, o Compostela afronta un difícil choque ante o sempre complicado Numancia.

Finalmente, no grupo no que se dilucida a loita por eludir o descenso á Terceira División tanto Pontevedra como Coruxo terán, tamén, que desprazarse até Asturias. Os granates, líderes con 26 puntos, xogan este sábado ás 18 horas contra un Oviedo B que ocupa o terceiro posto na táboa, con tan só dous puntos menos. Pola súa banda, os vigueses, segundos con 25 puntos, saltarán ao céspede do Álbarez Rabanal de Covadonga p domingo ás 12 horas.

comentarios