Roi Rodríguez abre a conta galega de medallas en Múnic

Logrou a prata no K-4 1.000 do Europeo de Piragüismo Esprinte que decorre na cidade alemá.
Rodríguez (segundo pola dereita), posando coa súa prata continental. (Foto: FEP).
photo_camera Rodríguez (segundo pola dereita), posando coa súa prata continental. (Foto: FEP)

O piragüismo non deixa de deparar alegrías á afección da Galiza, e Roi Rodríguez abriu nesta sexta feira o contador de metais da delegación galega no Campionato de Europa de Piragüismo Esprinte que se está a desenvolver na localidade alemá de Múnic.

Alí, acompañado polo manchego Francisco Cubelos, o vasco Íñigo Peña e o asturiano Pedro Vázquez, o padexeiro tomiñés logrou unha meritoria medalla de prata no K-4 1.000 logo dun intenso duelo coa embarcación dos locais Martin Hiller, Tobias Schultz, Tom Liebscher e Félix Frank.

Os teutóns remataron a carreira cun tempo de 2.53.174, polos 2.53.627 do cuarteto do galego e os seus compañeiros. Xa a máis de dous segundos atravesou a liña de meta a embarcacións serbia, que completou o podio.

Na modalidade de paracanoe, o padexeiro do Rías Baixas-Boiro Adrián Mosquera a piques estivo de lograr colgar do pescozo un metal na modalidade VL3 200 metros, pois rematou en cuarta posición a 1,2 segundos do francés Eddie Potdevin, terceiro clasificado.

Pola súa parte, Adrián Sieiro logrou a clasificación para a finalísima do C-2 500, onde compite xunto co balear Joan Antoni Moreno. A súa grande actuación, gañando con solvencia a súa serie, concedeulles o privilexio de saltarse o trámite intermedio das semifinais.

Tamén lograron bos resultados na xornada desta sexta feira Cristian Toro, clasificado para as semifinais do K-2 200 e do K-4 500; Iván Freire, que fixo o propio no K-1 200; Antía Jácome, quen, como Sieiro, impúxose na súa serie do C-1 200 e pasou directamente á Final 'A'; Lara Feijoo, que avanzou ás semifinais en K-1 200 co sexto mellor tempo das eliminatorias; e Pablo Graña, que se meteu na gran final do C-1 200.

Comentarios