Riazor xa prepara a marea do regreso á Primeira

A Coruña xa loce en branquiazul a poucas horas de que o Deportivo máis galego xogue ante o Xaén coa necesidade de sumar un só punto que o devolva á máxima categoría. 300 persoas acudiron a animar os xogadores no último adestramento namentres se torna nun fenómeno viral o vídeo da canción dedicada ao club que estrearon Os Diplomáticos na presentación da súa biografía. VÍDEO NO INTERIOR

gente
photo_camera Seareir@s no adestramento do Dépor


Cores branquiazuis en cada recanto. Ambiente de festa. E pouco nerviosismo posto que ninguén considera posíbel que ao equipo se lle escape o ascenso. Precisa só un punto o Dépor para volver a Primeira División, e ten dúas ocasións para logralo, tantas como xornadas restan para a fin da Liga. Porén, todo está disposto para que a data sexa este sábado (19:00) en Riazor, cando o conxunto coruñés recibe o Xaén, que precisa a vitoria porque corre perigo de descenso.

Pasa por unha mala xeira de resultados o conxunto de Fernando Vázquez, ao que -ao igual que aos seus xogadores- se lle está facendo interminábel a competición. Cinco xornadas levan sen conseguir unha vitoria, pero seguen en postos de ascenso e con As Palmas e Sporting a seis puntos. Perdeu o liderado ante un Eibar xa ascendido, pero pouco queda para alcanzar un obxectivo máis que meritorio, posto que enfrontaba o Dépor unha campaña moi complicada, con grandes problemas internos -débeda, cambio de directiva...- e constantes cambios no plantel, que aínda así ten a un paso o segundo ascenso consecutivo en tres anos, algo pouco habitual nunha división tan perigosa como a Segunda, que xa afundiu durante anos a importantes clubes.

Fernando anuncia un xogo ofensivo, con Juan Domínguez ao mando das operacións no centro do campo

No futbolístico, Vázquez -que anuncia un xogo ofensivo en pos dos tres puntos malia que lle serve un- non poderá contar con Lopo, Núñez e Wilk, o que converte en segura a volta á titularidade de Marchena, así como o regreso de Juan Domínguez, coruñés e líder dun equipo con moito canteirán e galego, que de novo conecta coa bancada malia os discretos resultados dos últimos encontros. No último adestramento antes do partido, 300 seareir@s acudiron a Abegondo, onde ofreceron o seu  alento aos xogadores e corpo técnico. O capitán, Manuel Pablo, e o preparador, Fernando Vázquez, agradeceron o xesto deixando pagadas unhas roldas no bar das instalacións. Comeza suxerirse a gran festa do ascenso.

O son das túas ondas

O ambiente branquiazul que se vive na Coruña tamén conta xa cunha especie de himno oficioso. Converteuse nun fenómeno nas redes -o vídeo en youtube acumula milleiros de visións- a canción 'O son das túas ondas' unha sorte de coro deportivista que por sorpresa Os Diplomáticos de Monte Alto estrearon na festa de presentación da súa biografía -Non Temos Medo- e que, recuperando unha letra do autor dese libro -o xornalista e colaborador de Sermos Galiza, Rodri Suárez- e unha melodía que utilizaran hai vinte anos para unha reportaxe na TVG -á que agora lle engadiron unha estrofa de Luisa Villalta-, tocaron na festa que tivo lugar no propio barrio que viu nacer á banda, na Sala Mardi Grass, local que hai máis de vinte anos se chamaba Bodegas Villarreal e servía como sede da peña deportivista Urkiola, fundada por varios membros do grupo de rock bravú. De Arsenio á Fernando Vázquez. De novo, o Dépor ante a historia.

Comentarios