Riazor recupera os automatismos

O recente empate co Numancia após desbaldir dous goles de renda ten todo o aspecto de ter sido un accidente. Este domingo, Riazor volveu presenciar un cómodo triunfo da equipa de Natxo González. Sen brillo, de acordo, mais sen apuros. A bola parada foi chave.

quique
photo_camera Quique González imponse ao seu marcador

O partido durou por volta de 93 minutos, mais en realidade consumiuse en apenas 45. A segunda parte foi un puro trámite. No primeiro acto, a bola parada reinou e o Dépor conseguiu unha vantaxe decisiva. Ten o mérito o combo coruñés de non descompor a figura a pesar de o Zaragoza ser capaz de igualar o 1-0 inicial. O 3-1, obra de Quique González de penalti, botou materialmente o fecho ao encontro.

Apuntan as crónicas que co VAR en acción o Dépor tería visto descontado dous goles, os dous primeiros, por off sides que o ollo humano non viu sobre o campo. Ben, mais mesmo así é dubidoso que o Zaragoza tivese safado en Riazor. Foi unha equipa inane, sen argumentos, lento, sen alma. Ao Dépor bastoulle con imprimir algo de ritmo á circulación da bola para doadamente facerse co partido. Tan foi así que até se permitiu o luxo de manter no banco dos suplentes Carles Gil, o seu futebolista máis clarividente, durante 82 minutos.

Non pasará a historia o choque por nada en especial. Mandou Bergantiños na retagarda, ora por diante dos centrais, ora emboscado entre eles. Botouse en falta maior xeito nas incorporacións ofensivas de Eneko Bóveda, tan voluntarioso como impreciso nos centros. E Borja Valle mostrou a súa vocación de titular, o que vai formular algún que outro problema a Natxo González cando se recupere da súa lesión Carlos Fernández.

Agora agarda o Cádiz. O Dépor retoma a velocidade de cruceiro e, aínda que dá a impresión de que a equipa xoga ás veces co freo de man posto, consolida a súa posición na vangarda da táboa, a apenas dous puntos do líder Granada.

RC Deportivo: Dani Giménez, Bóveda, Domingos Duarte, Pedro Marí, Diego Caballo, Edu Expósito, Álex Bergantiños, Vicente Gómez (Krohn-Dehli, min. 69), Pedro (Fede Cartabia, min. 90+1), Borja Valle (Carles Gil, min. 83) e Quique.

Real Zaragoza: Cristian Álvarez (Ratón, min. 46), Alberto Benito, Verdasca, Guitián, Nieto, Lasure (Igbekeme, min. 54), Pep Biel, Javi Ros, Guti (Pombo, min. 60), Marc Gual e Álvaro Vázquez.

Goles: 1-0 Borja Valle (min. 8); 1-1 Javi Ros, de penalti (min. 13); 2-1 Domingos Duarte (min. 30); 3-1 Quique, de penalti (min. 44).

Árbitro: Pulido Santana (c. Las Palmas). Cartóns amarelos a Vicente Gómez (min. 12), Verdasca (min. 30), Lasure (min. 43), Igbekeme (min. 62), Marc Gual (min. 70) e Alberto Benito (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 18ª xornada de LaLiga 1|2|3 no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 14.368 espectadores.

Comentarios