Riazor continúa a ser unha materia pendente para o Dépor

Xogar en casa é un sufrimento para o Deportivo, que non acaba de achar a fórmula para gañar perante a súa freguesía. Este sábado, a equipa de Fernando cedeu dous pontos a un rocoso Mirandés (0-0).

depor
photo_camera Imaxe das bancadas

Após 360 minutos de xogo os máis de 20.000 seareir@s deportivistas que costuman ateigar as bancadas riazoreñas só se teñen levado un gol á boca, o conseguido por JuanDo perante o Alcorcón, co que a equipa de Fernando obtivo o até agora único trunfo na casa.

O Dépor continúa sen dar coa tecla, en parte por insuficiencias do seu reparto escénico (faltan futbolistas de banda), en parte por carencias físicas dalgúns dos seus principais actores (este sábado faltou Arizmendi e Culio, aínda que mellor, está lonxe dun óptimo estado físico), en parte porque a ansiedade o derrota perante a súa xente, o que fai que xogue sen a naturalidade precisa.

Rudy non é un segunda punta, por máis que criase certo atrapallamento nas fileiras rivais, e Juan Carlos tampouco é un futbolista de banda

Só este factor, a ansiedade, un stress galopante, pode explicar como un futbolista das condicións técnicas de Juan Carlos pode (m. 53) desbaldir a mellor ocasión criada pola equipa neses 360 minutos de xogo. Aconteceu cando Rudy deu desbordado a canto rival se lle puxo por diante. O portugués, que non ten a velocidade entre as súas virtudes, si foi desta volta quen de superar por pernas aos zagueiros. Por pernas e por caneo, por gambeteo. Niso, na arte de agachar a bola ao borceguí rival, é un mestre. Rudy, alén do máis, non se encheu da bola. Conduciuna o xusto. Entrou na área, co estadio abraiado, e cedeuna en bandexa de prata a Juan Carlos. As máis de 20.000 almas alí presentes contiveron a respiración. Borja entraba ao primeiro pao, despistando defensas. A bola chegou calmamente a Juan Carlos, que controlou ben. Tiña tempo para facer o que quiser. Era gol ou gol. Fallou.

Bola contra a trabe

Voltou Juan Carlos a ser protagonista apenas uns minutos despois ao pór con calidade unha falta, tamén desde a esquerda. Desviada lixeiramente por Bergantiños, a bola, tamén mordida polo guarda-redes, bateu contra a trabe, na segunda ocasión clara de gol dos galegos.

Lux, como adoita, estivo practicamente de espectador. Desta volta, a equipa rival non criou perigo nen coas xogadas de estratexias.

Algún apuntamento táctico? Basicamente poderiamos sinalar que Rudy non é un segunda punta, por máis que criase certo atrapallamento nas fileiras rivais, e que Juan Carlos tampouco é un futbolista de banda, porque non ten profundidade no despregamento físico e tampouco posúe a velocidade que se require para o desborde. Estivo ben Wilk no traballo destrutivo na medular e, mais unha vez, Insua revelouse como un defensa central que, de continuar a madurar, está chamado a destacar na Primeira División do fútbol español.

En conclusión, o Deportivo desbaldiu unha nova oportunidade para se colocar no grupo cabeceiro de campionato. Fernando Vázquez terá de continuar a traballar para dar coa tecla. E se desde o clube se lle fornece dalgunha fichaxe máis, a ser posíbel algún carrileiro que teña o sprint e o centro entre as súas virtudes, pois mel nas filloas.

Deportivo: Lux, Laure, Alex Bergantiños, Insua, Manuel Pablo, Wilk (m. 76, Luis), Juan Domínguez, Juan Carlos (m. 76, Luisinho), Rudy, Culio e Borja Bastón.

Mirandés: Dani, César Caneda, Muneta, Iván, Mújika, Gaspar, Pablo (m. 66, Ríos Reina), R. de Galarreta (m. 88, Nagore), Iván Malón, Álvaro Corral e Díaz de Cerio (m. 78, Iriome).

Árbitro: José María Sánchez Martínez, do colexio murciano. Cartón amarelo a Culio. Expulsou por protestos a Manuel Pombo, da equipa técnica deportivista.

Comentarios