domingo 09/05/21

O rexurdimento da selección galega de fútbol gaélico

A lenta pero inexorábel pingueira de regresos no mundo do deporte logo da parálise a causa da pandemia continúa, e agora chega a quenda da única selección galega recoñecida oficialmente, a de fútbol gaélico, que retomará a súa actividade logo do éxito co que rematou a última edición da Liga Galega.
A esta estampa haberá que engadirlle unha máscara, pero os xogadores xa están listos para volver. (Foto: AGFG).
A esta estampa haberá que engadirlle unha máscara, pero os xogadores xa están listos para volver. (Foto: AGFG).

"Nunca choveu que non escampara". Ese vello proverbio, tan repetido en todos os ámbitos da vida desde a irrupción da pandemia da Covid-19 en marzo de 2020, tamén se di no mundo do deporte en xeral, e no do fútbol gaélico en particular.

O orgulloso amateurismo que caracteriza esta disciplina levou os distintos equipos que conforman a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), o organismo regulador oficial deste deporte na Galiza, a vivir unha situación "moi complexa", pois diversos factores como a ausencia de recursos económicos para facer tests masivos ou o medo a un hipotético contaxio que repercutise negativamente no eido profesional levaron a dilatar un regreso á actividade que finalmente tivo lugar no pasado mes de marzo.

A exitosa volta da Liga de Fútbol Gaélico, que se adxudicaron esta pasada fin de semana os coruñeses Fillos de Breogán, abre as portas ao regreso da selección galega, o único combinado do país recoñecido internacionalmente, segundo informaron a Nós Diario desde a AGFG.

De feito, esa volta é "inminente", tanto, que será esta mesma fin de semana.

"A selección é o noso maior valor, e a nosa intención é volver, de momento, tan só para adestrar, pois a causa da pandemia da Covid-19 non haberá nin campionatos europeos nin mundiais. Porén, cabe a posibilidade de que se poida disputar algún encontro amigábel, mais polo de agora iso é unicamente unha posibilidade, porque non depende exclusivamente de nós", explican desde a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, quen engade que a selección "non vai morrer, pois aínda que hai xente que xa non está, tamén hai moita xente nova que ten ganas de volver aínda que sexa para adestrar".

'All-Galiza'

Esta non é a única novidade en relación a un deporte que, a pesar do problemático do contexto, está máis vivo que nunca, pois como indica Martín Fernández, voceiro dos flamantes campións da Liga Galega, "en fichas, estamos cos mellores números de sempre".

Por iso, unha vez rematado o torneo ligueiro, desde a AGFG xa traballan na configuración dun novo torneo, neste caso unha copa do estilo da All-Ireland, a principal competición de gaélico en todo o mundo, que podería levar o nome de All-Galiza.

comentarios