venres 10.07.2020

Resilencia sobre rodas

O Liceo é o club deportivo galego con máis títulos, pero tamén un exemplo constante de superación de retos e dificultades. A chegada da pandemia foi para as coruñesas un obstáculo máis nun camiño cheo de pedras que sortear. Este artigo de Omar Bello é unha das propostas que inclúe 'Xogar', o suplemento de Nós Diario para o deporte que se publica as quintas feiras. 
O Liceo é un exemplo de resilencia (Foto: Hóckey Liceo)
O Liceo é un exemplo de resilencia (Foto: Hóckey Liceo)

Segundo a Real Academia Galega, a resiliencia é a "capacidade de adaptación e recuperación fronte unha situación adversa". No deporte, esa virtude resulta decisiva, e se hai un equipo na Galiza que pode presumir de ser resiliente ese é o Hóckey Club Liceo.

O conxunto coruñés leva case catro décadas instalado na elite mundial do seu deporte, malia tratarse dunha disciplina dominada no Estado español por escuadras catalás, e é o clube galego con máis títulos se temos en conta todos os deportes. Como recoñecen Dava Torres (capitán), Juan Copa (adestrador), Luchi Paz (capitá do equipo feminino) e Antón Baldomir (directivo), a chegada da pandemia non é máis que un novo obstáculo no camiño que agardan superar.

"Foi un golpe moi duro porque tiñamos a cabeza posta na Copa de Rei, que era un reto precioso porque xogaríamos na casa, pero agora non queda outra que cambiar a mentalidade. Estaba todo por xogar e tiñamos fame de títulos, pero a tempada rematou antes de tempo e toca adestrar en solitario do mellor xeito posíbel para non perder a forma", sinala Dava, que confesa que non é doado. "Fixen moita bici estática e traballo na casa, pero, por exemplo, foi moi difícil poder adestrar con patíns. Houbo días en que me tiña que meter no garaxe para poder facelo", admite, e engade: "Cando vexo por exemplo os xogadores do Dépor, que xa están adestrando con esas facianas de felicidade que teñen, dáme moita envexa, pero está claro que o fútbol move moitos máis intereses que o hóckey e a nós tócanos agardar".

A Copa quedou adiada para setembro, pero o equipo coruñés tamén pelexaba polo título de Liga, torneo no que o Barcelona foi declarado campión sen rematar a Liga regular, e iso que o previsto era que o gañador se decidise nun play-off entre os oito primeiros clasificados. "Ninguén nega que o Barcelona fixo unha gran segunda volta, pero eu estou moi orgulloso do traballo do Liceo, que foi líder ou colíder durante catorce xornadas", comenta o adestrador, Juan Copa. "A nosa idea xa era preparar o play-off, pero nomearon un campión sen xogalo. Outras ligas, como a italiana ou a portuguesa, anularon a competición. O normal era que aquí pasase o mesmo, pero non foi así", engade, resignado.

A vía portuguesa

Para o Liceo, a nivel institucional, a decisión de nomear campión o Barcelona xerou un auténtico terremoto. Tanto, que desde o clube chegaron a valorar a posibilidade de deixar de xogar as competicións españolas e participar na Liga portuguesa. "Foi moi inxusto. Non quixeron nin agardar. Fartámonos, e por iso consideramos a opción de írmonos a Portugal", admite Antón Baldomir, directivo do clube.

(Podes ler o artigo íntegro de 'Resilencia sobre rodas' no suplemento Xogar, no teu Nós Diario de hoxe (e de todas as quintas feiras), á venda no teu quiosque, libraría, tenda, gasolineira ou na nosa loja)

Neste número, ademais, Héctor Pena rescata unha descoñecida historia sobre a (case) morte de Franco de Riazor durante un Trofeo Teresa Herrera, o artista e xogador de gaélico Kaixo e a karateka Ruth Lorenzo reflexionan sobre a actualidade do deporte e Sergio, o Gato de Catoira, protagoniza a sección Selfie. 

Suplementos diarios de carácter temático

Coñecer’, ‘Aprender’, ‘Xogar’, ‘Gozar’ e ‘Producir’ publicaranse de terzas feiras a sábados co diario para ampliar a información relativa a patrimonio, historia, arte, ciencia, educación ambiental, ensino, actividade física, gastronomía, enoloxía, viaxes, sectores produtivos e iniciativas empresariais, entre outros. Unha aposta de Nós Diario no marco da celebración dos seus cen primeiros números en papel.

Trátase de suplementos temáticos de catro páxinas a cor, deseñados por Pepe Barro, un dos máis destacados grafistas da Galiza, que incorporarán máis voces especialistas nos diferentes campos que integra cada unha destas publicacións,.

comentarios