“Requísannos bufandas alegando simboloxía ou incitación á violencia. É absurdo”

Seareiros celtistas do colectivo Nós sofreron esta fin de semana a requisa de material no Santiago Bernabeu. Falamos cun dos seus integrantes. “Xa se sobrepasa o absurdo”, afirma.

colectivo nós celta
photo_camera Unha imaxe do Colectivo Nós tirada da súa web

“Coas estreleiras (bandeira galega coa estrela vermella) xa se tivera problemas en certos estadios,mais coas bufandas, non, eses problemas comezan agora”. Filipe é un dos integrantes do Colectivo Nós, unha peña federada do RC Celta. Catro membros do colectivo sofreron a requisa das súas bufandas polo persoal de seguridade privada do estadio do Real Madrid. “Xustificárono en que era simboloxía, pola estrela vermella da bufanda”. A prenda leva, coas cores do Celta e da bandeira galega, unha estrela vermella e o nome do colectivo, así como uha silueta de Castelao e a serea popularizada polo rianxeiro, sobre parte da cal se sobrepón o escudo do equipo celeste. O lema “Galiza está sempre na nosa ialma e o Celta no noso corazón”,enmarca a bufanda. Unha bufanda coa que ao longo destes anos non tiveron problemas para acceder a múltiples estadios de fútbol, como lembran desde o colectivo.

"En Levante case non entramos no estadio por levar unha  sudadeira de Galiza"

Filipe explica que nos últimos anos foise a peor, sobre todo en certos estadios. A raíz do asasinato en Madrid do seareiro deportivista Jimmy, lembra, impulsouse unha nova normativa moito máis restrictiva en canto ao material co que se accede aos recintos. O que antes era un decomiso de bandeiras, agora esténdese a bufandas e mesmo á roupa. “En Levante case non me deixan entrar no estadio por levar unha sudadeira de Galiza. Tiven que empeñarme e insistir”.

Diferencias

Lembra este integrante da peña celtista que un dos argumentos ou xustificacións que se dá cando se requisa material é o da “incitación á violencia”, un concepto moi laxo e relativo. “O que poden entender por incitación á violencia os do servizo de seguridade nun estadio de Madrid non ten nada a ver co que poden entender nun de Bilbao, por exemplo”. 

De feito, e como exemplo, mentres as 'estreleiras' non teñen problema en entrar e se amosar en estadios como Balaídos, Riazor, San Mamés, Anoeta, Nou Campo... noutros (Valladolid, Calderón, Bernabeu,etc...) o habitual é que sexa requisadas.

Comentarios