Rodrigo Conde

“O remo en banco móbil exixe a perfección”

O remeiro moañés conquistou en Rotterdam, canda Adriá Mitjavila, o Mundial sub-23 en doble scull lixeiro. Un premio a anos de traballo, sacrificios e esforzos que, ao final “vense recompensados”.

Rodrigo Conce en primeiro plano. remo Imaxe Igor Meijer (FER)
photo_camera Rodrigo Conce en primeiro plano. Imaxe Igor Meijer (Federación Española de Remo)

O 27 de agosto Galiza conquistou un Mundial no exixente e competitivo mundo do remo en banco móbil. Foi en Rotterdam e grazas a Rodrigo Conde, un mozo de Moaña que comezou no remo aos 8 anos no batel de Tirán. Conde e o seu compañeiro, o catalán Adriá Mitjavila, gañaban o ouro en doble scull lixeiro.

Lograr un Mundial debe ser unha experiencia única. Mais, que camiño hai que percorrer até chegar ata aí?

Rodrigo Conde (esquerda da foto)É un camiño moi exixente e moi difícil, desde logo. Hai que sacrificar moito. Se pensas adicarte ao banco móbil e queres ser mundialista ou olímpico tes que asumir que vas ter que quitar tempo da familia, das amizades... non é facil mais ao final veste recompensado.

Pensabades que tiñades posibilidades de vencer?

Sabiamos, por probas anteriores, que estabamos perto do mellor, da elite do banco móbil e tiñamos claro que iamos dalo todo e competir ben. Mais non fomos ao Mundial sub-23 pensando en que iamos levar o ouro.

“Ás veces penso se non seremos uns poucos masocas”

Conquistar o mundial axuda a se consolar de non se clasificar para as Olimpiadas de Río?

Son cousas distintas. Cando empezamos este proxecto, Adriá e eu comezamos a remar xuntos en febreiro, o obxectivo era o Mundial Sub-23. Mais polo camiño atá aí había varias competicións, como o memorial Paolo D`Aloja en Italia, a copa do Mundo ou a repesca para as Olimpiadas. Mais todo isto era, por dicilo así, un preparatorio para o Mundial Sub-23. Na Copa de Mundo fomos quintos e aí vimos que podía ser posíbel. Na repesca as primeiras regatas foron ben mais na final impúxose a experiencia doutros equipos, nós eramos os máis xovenes. E neste tipo de competicións a experiencia conta.

Como é o día a día para quen practica este deporte ao teu nivel?

Cada persoa ten o seu propio horario persoal. Adestramos dúas veces ao día agás o domingo, que só o facemos pola mañá. Como mínimo son catro horas ao día, e como máximo, 7, se ben sete horas facémolas moi poucas veces, é algo excesivo. Pola mañá centrámonos no remo e pola tarde en traballar no ximnasio. Ás veces penso se non somos un pouco masocas (rí).

Un adestrador veume cando remaba en banco fixo e díxome: “Ti, rapaz, tes que vir para o banco móbil porque nuns anos podes ser campión do mundo. Eu rinme.”

Nas Olimpiadas de Río varios deportistas fixeron chamamentos a que se tivese en conta os seus respectivos deportes mais alá do día en que conquerían un título, denunciando a falta de recoñecemento. Pensas que isto pasa co banco móbil , que non se lle valora como merece?

Anos atrás, as medallas que o remo español gañou nos xogos olímpicos reducíanse a unha. Así que non había moito recoñecemento. Mais David Cal logrou 5 medallas e recoñecéuselle, todo o mundo sabe quen é. No futuro, se somos quen de competir a máis e lograr máis medallas, este deporte terá máis recoñecemento.

Es de Moaña, unha zona con tradición remeira, mais é o banco móbil coñecido?

Nesta zona é máis coñecido o banco fixo, as traiñeiras. Mais en Galiza temos o mellor adestrador de banco móbil do Estado, segundo a miña opinión, claro, que é Arturo Abruñedo. Estivo toda a vida no Náutico de Vigo. Foi o que me levou a min do banco fixo ao banco móvil. Eu empecei a remar con 8 anos no batel de Moaña. Un día fomos a Vigo a practicar o banco móbil. Veume e díxome: “Ti, rapaz, tes que vir para o banco móbil porque nuns anos podes ser campión do mundo. Eu rinme. E mira agora”.

O banco móbil exixe a perfección: fortaleza, flexibilidade, resistencia... hai que dar o máximo en todas esas condicións. Isto require unhas condicións físicas e un adestramento duro.

Cun Mundial no peto, cales son os plans de futuro?

Agora estou rematando unhas pequenas vacacións e axiña hai que comezar a preparase porque o ano que vén vai ser longo: temos o mundial basoluto en outubro e o mundial Sub-23 en xullo. O obxectivo vai ser repetir vitoria no Sub-23 e ir a polo Absoluto, intentar meterse aí e ir a por todas.

Comentarios