"O futuro para a traiñeira galega? Se partimos de hoxe, é negro"

David Álvarez é o patrón da traiñeira de Tirán, que está a se bater forte na ACT coa elite das embarcacións vascas e cántabras. Comezou no mundo das traiñeiras con 11 anos. E recoñece que o seu soño "sempre, sempre, foi triunfar en Tirán". A ausencia de axudas fai que este deporte que parte da tradición do mar galega esté a atravesar unha etapa moi difícil

David, patrón de Tirán
photo_camera David, patrón de Tirán

David Álvarez leva o leme desde a popa da traiñeira de Tirán, a representante de Galiza na Liga San Miguel, onde compite con tripulacións poderosas e con orzamentos inalcanzábeis para o club de Moaña. Desde o inicio da temporada está na cabeza da clasificación a mellor patrón desta competición. 

Como comezaches nas traiñeiras?

Empecei con 11 anos e teño 34. Meus pais son de Moaña. Eu nacín en Vigo e fixen a miña vida aquí mais toda a miña familia é de Moaña. Meu pai era do Con, miña avoa vivía alí, xusto ao lado do clube. Meu pai tiña relación co Tirán e ía mirar as regatas, a mítica Anduriña dos anos 80. No 82, con tres aniños xa lembro ir miralas. Daquela había moitísima máis afección que agora. Os peiraos estaban abarrotados. Había moita rivalidade entre Meira, Tirán e San Xoán. Rivalidade veciñal. Foise perdendo, en parte, por culpa de que moitos remeiros deixaron a actividade. Por este motivo o nivel do remo galego baixou, coido que por culpa dos cartos...

"Empecei con 11 anos. Daquela había moitísima máis afección. Os peiraos estaban abarrotados"

Os meus inicios foron como os doutros. Un verán probei. Xa remaba no sofá, cando rapaciño, cun remo que me regalara miña aboa, facía regatas con escarbadentes, ... Xa tiña claro que me gostaba. Comecei de patrón e remando. Logo pasei alevín e infantil como remeiro até os 18 anos, case sempre nos botes titulares. O meu posto era na proa. Sempre fun delgadiño e fibroso, adestraba todos os días e ía a Moaña. Con 18 anos tiven unha pequena frustración ao non poder remar a final do campionato estatal como me prometeran, remando a clasificatoria. Contoume como vitoria, teño cinco de ouro, porque hai que entrar na final mais frustroume non participar nela. Convencéronme para ser patrón e metéronme sen adestrar. Ese ano entramos na final e gañamos. Logo cedéronme un ano ao Cidade de Ferrol, e logo pasei a Senior en Tirán como segundo patrón. No 99 pasei a ser máis titular polo meu traballo. Logo por unha discusión deixeino un ano e voltei no 2002. Fixen a tempada como titular mais con moita presión. Creouse unha controversia entre os dous patróns que non queríamos e arriei cinco anos. Tiña que desconectar, levaba doce con moitos paus.

"Fixen bicicleta, tenis, fútbol..tamén fun músico, guitarra nun grupo de metal de Moaña"

Fixen bicicleta, tenis, fútbol, son hiperactivo... Tamén fun músico, fun guitarra nun grupo de Metal de Moaña. Mais o meu soño era triunfar en Tirán. Descansei e chamoume Fran González para que lles botara unha man, ir de vez en cando. No 2009 empezou outro adestrador e díxenlle que contaran comigo. Había tres patróns e quedei fóra outro pau, outra frustración. Foi daquela a enfermidade do meu mellor amigo, que era patrón. Díxome que pelexara polo posto que era a miña ilusión. Seguín, fíxeno ben no 2009, estiven só dous anos e o traballo foi a máis. Cumprin o meu soño de ser importante en Tirán. Teño ídolos de remeiros de Tirán e de Euskal Herria, sempre dixen que quería facer algo grande en Tirán. Chegei pelexando, indo todos os días de Vigo para Moaña, deixando moitas cousas atrás.

"Tes a responsabilidade de que o bote renda. Os erros da equipa caen sobre o patrón"

Hai máis responsabilidade por ser patrón?

Para min é a mesma. Ten máis peso o patrón porque é a cabeza visíbel. Ten máis responsabilidade porque os fallos nótanse máis. Compárome cun porteiro de fútbol que aínda que pare moito se “canta” nunha o que queda é esta. O dianteiro pode fallar moito que se marca un gol decisivo é o mellor. Tes a responsabilidade de que o bote renda. Os erros da equipa caen sobre él. Un remeiro pode fallar cinco ou seis paladas nunha regata que son moitos segundos. Mais non se mira nunca. Pérdese unha regata por unha mala ciaboga, todo en base ao patrón, para o bo e para o malo. Mais para min é o mesmo. Os remeiros teñen que ter a mesma responsabilidade que o patrón.

"O futuro para a traiñeira galega? Se partimos de hoxe é negro"

Conseguiches ser mellor patrón no primeiro día de competición...

Naquel momento non lle dera importancia, agora xa vexo que a ten. Sempre pensei que ese recoñecemento estaba condicionado, sempre saían os mesmos. Analicei moitas regatas e fixábame nos patróns. Miro quen o fai ben e quen mal, porque lle deron puntos a aquel e non a este... O ano pasado mudaron as normas e o GPS actúa medindo antes e despois da boia. Miro as viradas. Parece que o facemos máis rápido agora. Doulle valor após de mirar a regata, había moita corrente en Barcelona. Ao principio era unha anécdota, agora é un orgullo. Para min son ídolos, levan anos.

Confírmase o bo traballo realizado ao longo do inverno?

Tiña confianza no funcionamento do bote. O adestramento do treinador está moi ben orientado como todos estes anos. Todos temos nel unha confianza plena. Do mesmo xeito que en 2009 perdín a confianza e deixoume fóra fomos gañándonos mutuamente. Agora andamos á piña todos. Fai moito, coñecémonos mellor. É unha base de traballo. Explícanos porque e para que realizamos as cousas. É licenciado en INEF e nós non entendemos de treinamento, non sabemos mais seguímolo a todas. Foi unha progresión desde o ano pasado cando tivemos moi bos resultados. Quedamos cinco veces segundos. Sabíamos que co novo bote, o platanito, teríamos vantaxe. Dá moitos segundos na virada. Perdimos sete titulares e collimos outros sete. Introducímolos no grupo aínda sendo de lugares diferentes como Boiro, A Pobra,... con outra filosofía e mentalidade. Chegaron dúas bandeiras. Algúns dirán que por sorte, eu penso que con traballo e algo de sorte. En Portugalete beneficiámonos da mala sorte dun día para aproveitar as condicións do día seguinte. Tocounos a peor calle e convertémola na mellor. Alí baixas polo medio, a 2, rapidísmo porque baixa a marea e sobes pegado á banda para que a corrente non actúe, mais se tes outro bote ao lado non podes, tes que ir papando a corrente. O que fixemos foi sacarlle moito tempo a Zumaia para collerlle o carril e subir. En Moaña non houbo factor marea. Foi a estratexia do treinador ao mudar seis e o bote máis rápido. Os vascos fixeran a viaxe que facemos nós todas as fines de semana, non están acostumados, a case 40º de calor e con só tres cambios cando nós refrescamos media traiñeira. Outro factor e que o noso bote é rapidísimo. Levamos un GPS e imos a seguir confiando no treinamento e pouco a pouco, palada apalada, regata a regata, seguir a progresión.

É posíbel seguir subindo?

Os tres primeiros teñen un colchón moi grande. Collelos vai ser difícil mais voltaremos a remar en campos onde inflúen moitas circunstancias. Teño moita confianza. Condiciona moito a marea.

Fálame dos rivais. Cales son os máis fortes este ano?

Todos, até Zumaia que vai cara o final. Eu sigo a todos. Fíxome máis nos patróns. Cada día que saes ao mar aprendes unha cousa nova. En Donosti foi moi difícil levala, por exemplo. O rival máis forte é Kaiku, por orzamento, remeiros, treinador, materiais,... o que pasa é que coido que teñen unha plantilla curta este ano e empezaron moi fortes e non sei se aguantarán. O mesmo que Orio que fixeron un grande equipo, cun bloque desde a humildade. Pasa como con nós que tamén estamos todos co treinador. En Kaiku non miro isto. O seu treinador é un showman e dá espectáculo en todos os sitios, é o Mouriño do mar. Tamén está Hondarribia cunha traxectoria moi semellante á nosa. Son humildes, traballan a canteira, coma nós, é un espello e son tamén favoritos.

O futuro para a traiñeira galega?

Se partimos de hoxe é negro. Non é falar de Tirán senón de todos os clubes galegos. Desde o máis pequeno até o máis grande. Estase facendo imposíbel. Captar remeiros desde pequenos é difícil. Sacar a traiña ao mar... hai que pagar para estar na Liga, é un diñeiral para estar na ACT, para viaxar... ninguén se atreve a subir por quedar “pelado”. Os patrocinadores baixan, non soben, non somos capaces de conseguir máis porque imos aos que teñen outros... a chave está na administración. A Xunta cada vez dá menos. Cando empezou a Liga daban a cada clube 40 mil euros que non era moito mais podiamos estar na ACT. Este ano só dan 10 mil e cada ano baixando. Con esa cantidade, unha equipa que ten que viaxar cada fin de semana, durmir de albergue, este ano foi para a traiña nova para poder competir. Non estamos considerados como élite, somos amateurs polo que temos subvencións mínimas. Coido que estaría a chave en que o remo pasase a ser élite. Penso que merece a pena. No verán non hai fútbol e a xente pode ir aos peiraos a ver as regatas ademais de pola TVG. A min agora xa me coñecen pola rúa. Chama a atención, é espectacular.

Na liga galega non hai esta espectacularidade. Temos que mellorar a base de infraestrutura como fixeron eles alá. Se non tes un mínimo de cartos non podes estar nesa liga. Cantos minutos temos nós de TV? Nós temos como pesas rodas de coche, máquinas vellas que non valen. Mercámonos a nosa propia roupa, xa non é pedir un soldo. Eu perdo cartos no traballo e menos mal que me deixan. Aquí non está valorado o deporte como pasa en Euskal Herria e Catalunya. En Eukal Herria baixaron as axudas mais.. mi madriña quen nos dera a nós a metade do que lles rebaixaron! Somos unhas 150 persoas no clube. Todos os días auga quente, mantemento de luz,... unha pasada ao mes. O único que dá beneficios é a traiña. Repartimos o premio se o gañamos! A directiva explícanos todo a cada momento. Distribúen entre todos. Reunímonos e mercamos as camisolas máis tivemos que pagalas, así como os chaleques...menos mal que demos con boa xente! Os que marcharon din que foi por cartos, cousa que non creo.

Comentarios