O ASCENSO TERÁ DE AGARDAR

Remata o soño do Racing

Os ferroláns fecharon o ano do peor xeito e caeron por terceira vez consecutiva no play off de ascenso.

A merea verde desprazarase en masa a Astorga
photo_camera Imaxe da Malata no partido fronte ao Rácing de Santander. Foto: Rácing de Ferrol

Após dun ano case completo liderando o Grupo I de Segunda B, os verdes perderon a súa vantaxe e, finalmente, cederon a posición de privilexio ao caeren na última xornada fronte ao Astorga. O sorteo emparellounos co Cádiz e, despois de empatar a ceros no Ramón de Carranza, remataron por sucumbir ante os amarelos na Malata.

O Racing chegou exhausto ao final de tempada. O curso comezou moi ben para os ferroláns e, rapidamente comezaron un ascenso imparábel até o liderato. Mais o curso virou demasiado longo e os verdes foron perdendo pouco a pouco a vantaxe despois de chegar a ter un marxe de 9 puntos. O Racing foise desinflando paulatinamente e chegou ao play off en plena crise de resultados. Despois de empatar a 0 en Cádiz, fiárono todo á Malata para seguir pasando roldas, o propio seu feudo no que levaban dende o 20 de marzo sen gañar.

O Racing saíu ao partido con moitas gañas e coa ilusión de seguir loitando o ascenso

O Racing saíu ao partido con moitas gañas e coa ilusión de seguir loitando o ascenso. O empate da ida non era un mal resultado se se blindaba a portería propia e se buscaba facer valer o factor campo. Mais o guión non puido ser máis diferente. O Cádiz golpeou primeiro e por partida dobre nos primeiros vinte minutos do encontro. No 10, Álvaro García adiantou os visitantes despois de controlar un bo balón ás costas da defensa racinguista e voleou coa perna esquerda para bater a Mackay. O conxunto ferrolán, esixido polo resultado, lanzouse ao ataque e tivo o gol nos pés de Joselu e Borja Domínguez. O gardamallas do Cádiz, Cifuentes, foi chave neste momento con sendas paradas. Na Malata cumpríuse a máxima futbolística: quen perdoa págaa. No minuto 23, un centro lateral atopou a cabeza de Salvi entre a zaga ferrolá e o 0-2 subiu ao marcador.

Neste punto o partido e a eliminatoria estaban case sentenciadas, só a heroica podía salvar aos locais. Non se deu a milagre e os ataques do Racing foron baldíos. O encontro discorreu nun limbo do que non saíu nin cun golazo de Joselu, que puxo o 1-2 no minuto 67. O partido estaba abocado á derrota, que se alargou demasiado, despois da expulsión de Churre no minuto 70. Faltaban dous goles, con 10 no campo. Misión imposíbel.. O partido foi morrendo e a expulsión de Pablo Rey nos últimos intres foi un ingrediente accesorio. O soño do Rácing morreu na Malata.

Comentarios