Fútbol

Remata a Liga co Celta en 6ª posición e co Dépor salvado

O Dépor xa selara a súa permanencia a semana pasada, no partido fronte ao Villarreal, pero o Celta tiña nesta derradeira xornada a oportunidade de acceder a Europa sen fase previa. Finalmente, os vigueses non o conseguiron, aínda que están a expensas do que aconteza na final da Copa do Rei.

aficion_balaidos_celta

O Celta non puido fechar a súa gran temporada cunha vitoria. O partido contra o Atlético de Madrid no Calderón escapóuselle no inicio da segunda metade, así como o quinto posto na táboa e o acceso directo a Europa.

Na primeira parte, a posesión do balón foi igual para ambos os conxuntos, que presionaban arriba. O Celta foi perdendo posesión e a capacidade de arriba. O descanso chegou co 0-0 no marcador. Porén, nos primeiros minutos da segunda parte o Atlético anotou a balón parado, logo dun saque de esquina que rematou Torres. Dous minutos despois, Griezmann marcaba o segundo.

En só dous minutos ao Celta escapóuselle o partido e rematou a temporada con 60 puntos.

AT Madrid: Oblak, Juanfran, Savic, Godín, Filipe Luis, Augusto, Gabi, Koke, Saúl, Griezmann (Carrasco, min.73) e Fernando Torres (Tiago, min.77)

Celta: Sergio, Jonny, Hugo Mallo, Sergi Gómez, Planas, Marcelo Díaz, Wass (Iago Aspas, min.59), Pablo Hernández (Radoja, min.82), Orellana (Bongonda min.71), Nolito e Guidetti

Goles: 1-0, min.51: Torres; 2-0, min.54: Griezmann

Árbitro: Fernández Borbalán, do comité andaluz. Amoestou Gabi, Griezmann, Savic, Carrasco, Orellana, Nolito, Hugo Mallo, Pablo Hernández, Iago Aspas.

O Dépor, xa salvado, perde ante o Real Madrid

O Deportivo finalizou a temporada cunha derrota ante un Real Madrid (0-2) que se xogaba a Liga en Riazor. Malia a vitoria, os madrileños non o conseguiron, xa que o Barça vencía en Granada. Decidiron este derradeiro partido da campaña dous goles de Cristiano Ronaldo nos primeiros trinta minutos.

O primeiro tanto chegou no minuto 7. Após unha xogada falida por parte do Madrid, o balón caeulle a Cristiano Ronaldo que, completamente só, anotou comodamente. Era o primeiro tiro a porta do partido. No segundo lanzamento a portería, os brancos aumentaron a súa vantaxe logo dun córner rematado polo portugués no minuto 25.

Logo deste 0-2, o Dépor finaliza a temporada con 42 puntos e coa permanencia, por terceiro ano consecutivo, na máxima categoría do fútbol estatal.

No partido disputado na tarde do sábado, o Dépor rendeulle homenaxe a Arsenio Iglesias, ex xogador e ex adestrador do conxunto branquiazul durante 25 anos. Recibiu a máis alta distinción do club, a insignia de ouro e brillantes, e foi nomeado “Lenda branquiazul”.

RC Deportivo: Pletikosa, Manuel Pablo, Arribas (Róber, min. 70), Sidnei, Fernando Navarro, Álex Bergantiños, Pedro Mosquera (Borges, min, 76), Fayçal Fajr (Oriol Riera, min. 76), Fede Cartabia, Lucas e Luis Alberto.

Real Madrid CF: Keylor Navas, Carvajal, Pepe, Sergio Ramos, Marcelo, Kroos (Isco, min. 61), Casemiro, Modric, Bale (Jesé, min. 76), Benzema e Cristiano Ronaldo (James Rodríguez, min. 46).

Goles: 0-1 Cristiano Ronaldo (min. 7); 0-2 Cristiano Ronaldo (min. 25).

Árbitro: Mateu Lahoz (C. valenciano). Amoestou Kroos (min. 50), Pedro Mosquera (min. 57) e Sergio Ramos (min. 86).

Comentarios