As refuxiadas tamén xogan ao gaélico

O fútbol gaélico chegou ao campo de refuxiadas de Ioannina, en Grecia, este mes de setembro. Faino da man do adestrador nacional galego Alexandre Sanmartín, 'Jano', co obxectivo de que os seus habitantes esquezan por unhas horas a súa dura situación. O deporte demostra, unha vez máis, o seu valor social.

A actividade de fútbol gaélico que realiza Alexandre Sanmartín, 'Jano', en Ioannina (Grecia) reúne entre 15 e 20 persoas refuxiadas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A actividade de fútbol gaélico que realiza Alexandre Sanmartín, 'Jano', en Ioannina (Grecia) reúne entre 15 e 20 persoas refuxiadas (Foto: Nós Diario).

O deporte na sociedade cumpre moitas funcións. Ademais de achegar múltiples beneficios físicos e ser unha actividade formadora, é unha potente ferramenta psicolóxica. En determinados contextos xeográficos e sociais pode ir máis alá e servir como punto de apoio en situacións difíciles.

Por este motivo é habitual a súa presenza como  unha das actividades prácticas que empregan as organizacións non gobernamentais (ONG) que traballan en escenarios con múltiples carencias de todo tipo. Un deses escenarios son os campos de persoas refuxiadas, cada vez máis numerosos, que acollen persoas desprazadas, sobre todo como consecuencia de conflitos bélicos.

Este mes de setembro ao de Ioannina, situado no oeste de Grecia e a poucos quilómetros da fronteira con Albania, chegou o fútbol gaélico da man do adestrador da selección nacional galega deste deporte, Alexandre Sanmartín, 'Jano'.

Como responsábel europeo oficial dos técnicos de deportes de orixe irlandesa dentro do organismo Gaelic Games Europe desde 2019, ten participado en numerosas actividades en varios países e este ano resolveu dar un paso máis e participar nun proxecto solidario e de cooperación.

Na decisión de introducir o fútbol gaélico nun campo de refuxiadas influíu o contacto irlandés que atoparon en Grecia na organización que xa traballaba nese país: a Sport for Refugees Coalition. 

Desde o país heleno e vía telefónica, o adestrador galego explica que o primeiro paso para iniciar esta actividade foi contar con material deportivo axeitado para enviar previamente a Grecia. “Aproveitamos o Campionato Europeo que tivo lugar en Pontevedra para realizar unha colecta e conseguimos reunir máis de 50 pares de botas”, relata Jano a Nós Diario

Xogar entre as pedras

O campo de persoas refuxiadas de Ioannina non conta sempre coa mesma poboación. Na actualidade viven nel aproximadamente unhas 500 persoas, sen chegar polo de agora á metade da súa capacidade, que están de paso cara a outros destinos.

A súa procedencia é, nunha grande parte, do Afganistán como consecuencia da represión talibán mais tamén hai familias do Irán, Kurdistán e Somalia. As ONG están situadas nun centro social diante do propio campo e a actividade de fútbol gaélico ten que realizarse tres tardes á semana, nun prado ao carón das propias instalacións. “Non é un campo axeitado e está cheo de pedras mais é o espazo que hai”, indica o adestrador.

O achegamento a este deporte, descoñecido nos países das persoas refuxiadas do campo, faise dunha maneira lúdica mesmo mudándolle o nome por “fútbol irlandés” para situalo xeograficamente. Cunha media de entre quince e vinte participantes a idea é “facer xogos para que o pasen ben nunha situación tan complicada como a que viven”. Ao inicio da actividade eran rapaces mais co paso dos días conseguiuse que se sumaran rapazas até crear un grupo de idades moi variadas. 

A outra función do deporte e o fútbol gaélico

“Están como nun cárcere e vénlles moi ben facer unha actividade deportiva”, asegura Jano. Nestes días descubriu que moitas das persoas que viven no campo de refuxiadas de Ioannina levan moitos meses “paradas e sen ter acceso a nada”. A actividade deportiva é “unha saída” que lles motiva coa colaboración das voluntarias e voluntarios das ONG. “Montaron un pequeno ximnasio grazas á xente anónima que enviou material deportivo e xa se creou un club de boxeo no que tamén participo”, explica.

Cando hai posibilidade organizan algún campionato como o que estes días dedican ao baloncesto. “Desconectan coa realidade que teñen, como o muro que lles construíron hai pouco”, sinala. 

Desta primeira experiencia entre o fútbol gaélico e a cooperación solidaria nacerán outras que terán en conta a evolución da situación nos campos de refuxiadas. Alén da recuperación anímica do momento, a intención de Gaelic Games Europe é que as persoas que pasan por estas instalacións camiño doutros países europeos teñan a seguridade de que no lugar de destino tamén hai clubs deste deporte no que poden ter acollida.

“É outra motivación, saber que co fútbol gaélico terán acceso a entidades que o practican en lugares en lugares tan distantes como París ou Marsella ”, indica o seleccionador galego. 

Cando remate a súa estancia en Grecia, Jano ten por diante preparar a selección galega para os Xogos Mundiais que este ano confirmaron a súa realización na localidade de Derry (Irlanda) a finais do mes de xullo.

Comentarios