A Real Sociedad fulmina o Deportivo

Os vascos afunden aínda máis o equipo da Coruña cun 5-0.

real depor
photo_camera Carles Gil (Deportivo) ataca a Zubeldia, co balón. Foto: ALiga

A chuvia que dominou o partido entre a Real Sociedad e o Deportivo da Coruña pareceu transformarse en goles. Mais dos vascos contra os galegos. O contundente, inequívoco 5-0 deixa os coruñeses no fondo da táboa e, sobre todo, coa sensación de que a desfeita é cada vez menos reconducíbel.

O adestrador do Dépor púxoo claro após o encontro: “Imposíbel facelo peor”. Nin sequera o debut da última, e discutida, fichaxe, a de Michael Krohn-Dehli, axudou. O seu labor foi intranscendente.

Durante o primeiro tempo, a Real pareceu ser a única equipa sobre o terreo de xogo. Só marcou un dos cinco goles, pero o dominio resultou absoluto. O Dépor apenas se achegou a zona de perigo. E esta tónica acabaría por estenderese a todo o partido.

Transcorridos pouco máis de dez minutos da segunda metade, e malia que eses foron os mellores momentos dos coruñeses, Illarramendi marcou o segundo gol. A partir de aí, o dioivo. Aínda que Lucas Pérez e Schar o intentaron un par de veces, a equipa de Cristóbal Parralo borrouse do partido.

O Deportivo da Coruña atópase en postos de descenso á espera de que conclúa a xornada. Cincuenta e un goles en contra en 22 partidos son cifras propias dunha escuadra cun pé en segunda división. Como un pé fóra de Riazor parece ter o adestrador.


Ficha técnica

Real Sociedad, 5: Rulli; Odriozola, Aritz,Navas, De la Bella; Illarramendi, Zubeldia, Xabi Prieto (Guridi, m. 83); Oyarzabal, Juanmi (Canales,m.69) e Willian José (Agirretxe, m. 84).

Deportivo, 0: Rubén; Bóveda, Albentosa, Schar, Luisinho; Guilherme, Krohn-Dehli (Valverde, m. 80), Cartabia (Bakkali, m. 73), Gil (Çolak, m. 53), Adrián e Lucas Pérez.

Goles: 1-0: Willian José (m. 32). 2-0:Illarramendi (m. 61). 3-0: Canales (m. 74). 4-0: Aritz Elustondo (m.82); 5-0: Illarramendi (m. 88)
Árbitro: Undiano Mallenco (Comité Navarro). Amoestou Schar.

Comentarios