Real Madrid, duro obstáculo na Copa para o Breogán

O sorteo depara un duelo contra o líder da ACB
Veljko Mršic , técnico celeste, recoñeceu que o Madrid "é favorito". (Foto: Leite Río Breogán).
photo_camera Veljko Mršic , técnico celeste, recoñeceu que o Madrid "é favorito". (Foto: Leite Río Breogán).

O reloxo continúa avanzando e cada vez queda menos para que o Leite Río Breogán faga realidade o soño de disputar a Copa do Rei de Baloncesto. Na mañá de onte tivo lugar o sorteo dunha competición que se disputará na localidade andaluza de Granada a partir do vindeiro 17 de febreiro, e o rival da escuadra lucense non podería ser máis difícil: o Real Madrid.

Actual líder da Liga ACB e finalista na pasada edición copeira, os brancos  son os grandes e teóricos favoritos, mais o Breogán tratará de dar a sorpresa e lograr unha fazaña que a piques estivo de conseguir na competición ligueira nun partido que rematou 71-79 a prol do Madrid.

De conseguila, os lucenses afrontarían unha semifinal máis accesíbel entre o gañador do duelo entre Joventut de Badalona e Lenovo Tenerife. Se lograse alcanzar a final, no outro lado do cadro o seu rival será un dos seguintes equipos: Fútbol Club Barcelona, BAXI Manresa, UCAM Murcia e Valencia Básket.

Logo de coñecer o resultado do sorteo, o adestrador do Leite Río Breogán, o croata Veljko Mršić recoñeceu que o Real Madrid é "claro favorito", pero manifestou o seu desexo de "dar a sorpresa", logro para o que os seus homes "teñen que estar ao 100%" e os contrarios "non vivir o mellor dos seus días". 

Derrota pola mínima de Obradoiro (71-69)

Monbus Obradoiro non puido facerse coa sétima vitoria da tempada na pista do Gran Canaria por un marxe de apenas dous puntos (71-69). Os da capital galega estiveron sempre por diante no electrónico, pero os canarios foron quen de empatar o encontro a falta de 1.46' para o final. 

Un tiro libre de Ennis e outro de Albicy puxeron aos seus por diante, e posteriormente Diop evitou cun gran tapón o intento de empate de Robertson. Despois desta xogada, e coa bucina a tres segundos de soar, o balón era para os obradoiristas, pero ante a sorpresa de todos os presentes os árbitros sinalizaron unha violación no saque de fondo a Albert Oliver e a pelota foi para o Gran Canaria.

Perden Ensino e Baxi

No baloncesto feminino, Baxi Ferrol tamén perdeu por dous puntos (64-66 ante, curiosamente, Spar Gran Canaria), mentres que o Ensino fixo o propio co La Seu por 58-67.

Comentarios