Raquel Carrera: "Non me presionan as expectativas que a xente proxecta sobre min"

A foto de Raquel Carrera (Ourense, 2001) debería acompañar a palabra "fulgurante" no dicionario da RAG, pois a carreira desta pivote de 19 anos que agora se prepara para disputar o seu primeiro EuroBasket despegou á velocidade da luz desde que anotara en abril as canastras que lle deron ao Valencia a Eurocup Woman.
A ourensá mide 1,88 metros e comezou a súa carreira no Celta. (Foto: Europa Press).
photo_camera A ourensá mide 1,88 metros e comezou a súa carreira no Celta. (Foto: Europa Press).

-Resulta complicado abordar unha entrevista con vostede, pois desde que meteu eses dous tiros decisivos na final da EuroCup Woman, que lle deu ao Balencia Básquet o primeiro título continental da súa historia, non parou de protagonizar portadas de revistas especializadas como Gigantes ou mesmo faladoiros con xornalistas da relevancia de Iñaki Gabilondo. Sente que esas canastras supuxeron un antes e un despois na súa vida?

Si, penso que marcan un antes e un despois porque supuxeron un título, o primeiro a nivel europeo tanto para o club como para min, ademais de ser unha lembranza súper bonita.

-Un aumento da atención mediática adoita ir ligada a un incremento da presión directamente proporcional sobre os ombreiros da deportista, é este o seu caso?

Penso que non, porque son unha persoa nova e no que estou centrada agora mesmo é en gozar do camiño, de todo o que estou aprendendo e en seguir medrando, e non en expectativas ou no que a xente proxecte sobre min.

-A súa mobilidade, unha innata habilidade para xogar sen balón, unha entrega defensiva sen límite... todas as súas características sobre a pista estanlle facendo merecedoras de moitos eloxios nos últimos tempos, dos que eu destaco os de Carlos Colinas, o director deportivo do Celta, que dixo que “non houbo” unha xogadora interior como vostede na historia do Estado español, alguén "tan grande e que faga tantas cousas". Palabras maiores? 

Carlos [Colinas] mírame con moi bos ollos (ri). Coincidimos no Celta e foi unha persoa que me axudou moitísimo naquela etapa, na que tanto aprendín.

-Con só 19 anos logrou unha serie de metas coas que a maioría de xogadoras nin sequera poden soñar: xogar na elite do baloncesto europeo, ser a heroína nunha final continental, alcanzar a internacionalidade, ser drafteada para a WNBA e ter moitas opcións de disputar uns xogos olímpicos. Fantaseaba con algunha destas cousas aquela rapaza de 13 anos que fixo as maletas de Ourense a Vigo para asinar polo Celta?

Daquela non, desde logo. Cando debutei na Liga Feminina 2 foi cando me decatei de que quería ser profesional e de que quería chegar a outro nivel, así que simplemente poder debutar alí xa foi un soño cumprido. E claro que tes aspiracións maiores, pero velas lonxe, pois é moi complicado alcanzalas, e por iso penso que son tan afortunada de poder cumprir os meus soños.

-Falando de maletas, moita xente asocia ser drafteada con ir inmediatamente á WNBA, pero nada máis lonxe. Polo menos na vindeira tempada ten decidido continuar en Valencia, onde compatibiliza o deporte cos seus estudos. No seu deporte, o baloncesto, é algo normal que xogadoras da máxima categoría estuden ou traballen? Como está o tema da profesionalización?

É un tema que está complicado porque adestramos moitas horas e logo temos moi pouco tempo para o a nosa vida fóra do básquet, a pesar do cal a maioría das xogadoras estudan ou teñen unha carreira, e mesmo traballan, porque cando isto se acabe hai que saber facer algo, porque non se pode vivir disto toda a vida. 

Somos deportistas, pero tamén persoas e temos que estudar e facer de todo. No meu caso, fago Nutrición, e si que é complicado compatibilizalo, porque son moitas as horas que dedicamos ao baloncesto. Outro exemplo é o dunha compañeira do Valencia, que fai Medicina, unha carreira moi complicada, e está a compatibilizala cun baloncesto profesional que lle esixe adestrar mañá e tarde. Ten moitísimo mérito. 

Comentarios