O Rally Sur do Condado volve á tradición

O Rally Sur do Condado promete nesta edición de 2021 que comezou onte e continuará esta fin de semana. A organización contou co apoio institucional e privado para superar as dificultades propias impostas polo novo protocolo que impuxeron as autoridades sanitarias para este tipo de probas. 
Victor Senra é o favorito para a proba do Sur do Condado que terá lugar esta fin de semana (Yakar Racing).
photo_camera Victor Senra é o favorito para a proba do Sur do Condado que terá lugar esta fin de semana (Foto: Yakar Racing).

Dous anos despois, tras a suspensión en 2020 por mor da pandemia, volve ao sur da Galiza o Rally do Sur do Condado, unha das probas máis senlleiras do calendario automobilístico galego. Este ano a organización, a cargo do equipo Surco, apostou por volver á competición tradicional con algunhas novidades. Manolo Carballo, un dos seus responsábeis, explica a Nós Diario que esta edición “malia as circunstancia salvounos a nosa experiencia”.

O máis complicado asegura que foi “adaptar o protocolo sanitario”, non o resto de labores habituais como é “adaptar os tramos, marcalos, buscar todo o persoal e patrocinios”. Desta última cuestión sorprendeulles a boa acollida que tiveron. “Tiñamos moito medo no mes de decembro cando decidimos organizalo para este ano, mais todo o mundo estivo de acordo e deron moitas facilidades, tanto a nivel de concello como os privados”, relata Carballo, “pódese dicir que a motivación partiu deles que consideraban, como nós, que non podiamos estar outro anos parados”, engade. 

A edición deste ano será “unha tolería”, segundo a organización. Serán 16 horas de proba con seis tramos a dobre pasada, tres pola mañá a completar dúas veces e outros tres pola tarde coa mesma dinámica. O primeiro participante do tramo inaugural sairá ao redor das 7.45 e espérase que chegue ao parque fechado ao redor das 23.20. A nivel de participación tamén tivo unha moi boa acollida e estarán no Condado 138 vehículos de varias categorías. "Haberá de todo", conclúe Carballo. 

Volver á tradición

“Os seis tramos en realidade serán doce cronometrados, algo que hai moitos anos non se facía na Galiza”, conta Carballo. Para a organización foi unha homenaxe aos rallyes de antes “mesmo cun tramo íntegro que será de noite, o último que decidirá a proba”. Ademais contarán cun tramo novo, o de Aldráns, en Mos, que será importante para marcar as diferenzas entre os participantes. Continuará como en edicións anteriores un dos máis complicados, o de Arbo. 

Dificultades para os equipos

O favorito para o triunfo segue a ser Víctor Senra, campión galego no últimas catro edicións, que participa co equipo Yakar Racing. O seu responsábel, Perfecto Calviño, comenta a Nós Diario que a apertura das actividades deportivas no mundo dos rallyes fixo que agora coincidan varias probas a un tempo. "Estamos en Carballo co Campionato de España de cross e ao mesmo tempo no Condado" algo que dificulta a preparación. Outra eiva é a limitación de público nos circuítos que agora está nun máximo de 1.000 persoas "cando outros anos podían vender unhas 3.500" ademais de impedir que se acheguen á zona de boxes "para ver os coches e os pilotos". 

No que vai de ano xa se realizaron Rallyes na Coruña e en Pontevedra. As seguintes probas serán o Rally do Lacón  no Carballiño, o da Mariña Lucense, o Ourense-Ribeira Sacra, o de San Froilan, o Ribeira-Ría de Arousa e o Botafumeiro que terá lugar en Compostela.

A competición segue malia o incerto futuro que ten a Federación Galega

A Federación Galega de Automobilismo (FGA) leva un ano na interinidade desde que o Comité Galego de Xustiza Deportiva resolvera, en xuño de 2020, a inhabilitación do seu presidente, Iván Corral. Segundo o Comité aproveitábase do seu cargo para alugar os locais da FGA á súa muller, Gloria de Burgos, secretaria da federación. Desde ese momento esta asumiu a responsabilidade da entidade até a convocatoria de novas eleccións.

Corral, na súa defensa atribuíu o expediente a unha "persecución persoal e política" do secretario  xeral para o Deporte, José Ramón Lete, "por non ser submiso aos criterios oficiais". Sinalaba o conflito na falta de apoio de Lete cando a FGA se enfrentou á Española polas probas transfronteirizas na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

Comentarios