Racismo no fútbol: "Mouro, para o teu país!"

Yanis Rahmani, que leva por segundo apelido Cordeiro, pois a súa nai é portuguesa, decidiuse a abrir o seu corazón unha semana despois de ser obxecto de insultos racistas por parte de seareiros do Club de Fútbol Fuenlabrada, no partido no que os galegos derrotaron os madrileños por un gol a cero na súa casa do Estadio Fernando Torres. 
O centrocampista franco-alxeriano, abrazado co mauritano El Hacen.
photo_camera O centrocampista franco-alxeriano, abrazado co mauritano El Hacen.

As imaxes de Moussa Marega, xogador do Futebol Clube do Porto, abandonando o campo logo dos constantes ataques de carácter racista no medio dun encontro da liga portuguesa deron a volta o mundo.

As reaccións de apoio ao dianteiro e de rexeitamento ao racismo foron practicamente unánimes, mais ese mesmo día, catro horas antes, tiveron lugar uns sucesos igualmente despreciábeis que pasaron practicamente desapercibidos.

A vítima esta vez non foi un futbolista negro, como Moussa Marega, senón un árabe, ou "moro", como bramaban os seareiros locais desde as bancadas, que lle esixían que volvese "ao seu país".

Porén, dáse a circunstancia de que o país de Yanis Rahmani é Francia, onde naceu hai 24 anos, froito da unión entre un alxeriano e unha portuguesa, que se trasladaron a Euskal Herria cando o hoxe xogador do Club Deportivo Lugo tiña só oito anos. 

"Estarei atento"

O centrocampista do Lugo informou durante o partido ao xuíz de liña, que se limitou a responder cun lacónico: "Estarei atento".

Esa desidia na loita contra o racismo por parte das autoridades futbolísticas españolas contrasta de xeito flagrante co exceso de celo noutros eidos máis sensíbeis coas preferencias do -recoñecido- ultradereitista presidente da Liga de Fútbol Profesional, Javier Tebas, como quedou en evidencia logo da suspensión do Rayo-Albacete polos gritos de "nazi" ao ucraíno Roman Zozulya.

Para Yanis Rahmani hai "moita campaña inútil contra o racismo", pero "á hora da verdade non se castiga como se merece aos que cometen ese delito", e pensa que o problema principal radica en que na sociedade "se lle quita importancia", porque "quen xulga o racismo é porque non o padece". 

O racismo, un mal endémico na Liga

O de Yanis Rahmani non é o primeiro caso de racismo que se vive no fútbol español. Normalmente son os seareiros máis radicais os responsábeis de proferir os insultos racistas, mais en ocasións teñen sido os propios xogadores. 

Foi o caso de Sergio Busquets, centrocampista do Fútbol Club Barcelona e internacional coa selección española quen, nun clásico contra o Real Madrid, chamou "mono" a Marcelo, o lateral brasileiro do Real Madrid.

Kameni, porteiro camerunés, foi obxecto de numerosos insultos racistas ao longo das súas 14 tempadas na Liga de Fútbol Profesional. Un dos momentos máis graves foi cando os ultras do Frente Atlético pasaron practicamente o partido enteiro berrando "salta o valado, Kameni salta o valado", en referencia aos migrantes que penetran en Melilla.

E o do xogador bético Paulao en 2003 distínguese dos anteriores por ser a súa propia afección a que o lle dedicou gritos racistas. O dianteiro, desolado, abandonou o campo entre lágrimas, nunhas imaxes que deron a volta o mundo.

Comentarios