O Rácing salva a xornada para a Galiza

Dura xornada futbolística para os intereses galegos, pois tan só o Rácing de Ferrol foi quen de facerse cos tres puntos após superar o Zamora. Pola súa banda, o Lugo empatou na casa ante o Zaragoza, o Deportivo da Coruña caeu derrotado na súa visita a Salamanca e o Celta B fixo o propio no campo do Calahorra.
Os xogadores branquiazuis mostraron a súa decepción tras perder o primeiro partido esta tempada. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os xogadores branquiazuis mostraron a súa decepción tras perder o primeiro partido esta tempada. (Foto: RC Deportivo).

Vitorias, empates, derrotas... a xornada futbolística deparou resultados para todos os gustos, aínda que -e con independencia do que fixese o Celta na noite de onte ante o Granada, encontro do que non podemos facernos eco por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición- deixa un sabor un tanto agridoce no seu conxunto.

Especialmente amarga será a súa lembranza nos padais do deportivismo, pois o conxunto coruñés perdeu o seu primeiro partido da tempada -e, de paso, o liderado da Primeira RFEF- a mans do Unionistas de Salamanca (1-2), co agravante engadido de producirse ante os ollos de 600 seareiras branquiazuis que protagonizaron o primeiro desprazamento masivo desde o inicio da pandemia. 

Unha multitude de erros defensivos impropios do até o e agora mellor equipo da categoría e a falta de perigo na área contraria traducíronse nun merecido triunfo de Unionistas, que da man de Salinas e Espina remontou en apenas 15 minutos o tanto inicial materializado por Quiles no 14 de xogo. 

Non foi mellor a cousa para o filial celeste no seu desprazamento a Calahorra, pois os rioxanos, que até este encontro ocupaban a penúltima posición, lograron unha sorprendente vitoria (1-0) ante un conxunto que se ben partía como favorito, contaba con numerosas baixas de relevancia, como as de Carrique ou Holsgrove, que acabaron por pasar factura a un Celta B irrecoñecíbel. 

Afortunadamente, o Rácing salvou a honra da representación galega na Primeira RFEF, cun triunfo ante o Zamora (0-1) no sempre complicado Ruta de la Plata. A chave estivo no tanto do incombustíbel Joselu e na resiliencia dos Diaños Verdes para aguantar os golpes finais dos zamoranos.

Outro punto na procura do obxectivo albivermello

Finalmente, o Club Deportivo Lugo sumou o único empate (1-1) dun equipo da Galiza nesta xornada, logo de conseguir sobrevivir ao asedio dun Real Zaragoza que mereceu volver do Ángel Carro coa vitoria.

O propio Rubén Alvés, preparador albivermello, recoñecía antes do partido que os maños "merecen máis puntos" dos que teñen, e en Lugo volveu repetirse a historia, pois foi mellor en todos os aspectos do xogo salvo no máis importante: meter un gol máis que o contrario. 

Comentarios