ANáLISE DA EX SELECCIONADORA NACIONAL GALEGA PILAR NEIRA

Quen é quen no mundial de fútbol feminino?

Aínda que ensombrecido de forma perpetua pola proxección mediática masculina, o fútbol feminino leva unha década labrándose o seu futuro e os espectadores que sigan este mundial poderán gozar de grandes figuras do deporte feminino. Por que as xogadoras, as estrelas do fútbol feminino, non reciben o mesmo recoñecemento social?

Mundial fútbol feminino (Foto: FIFA)
photo_camera (Foto: FIFA)


As xaponesas, actuais campioas, acoden a Canadá co obxectivo de defender o título conseguido hai catro anos ante as norteamericanas, vixentes campioas olímpicas e referentes na historia do torneo, con dous títulos.

Alemaña -malia caer en cuartos de final ante Xapón no anterior mundial onde exercía de anfitrioa- súmase ao carro das favoritas, con dous títulos no seu haber, en 2003 e 2007. Brasil, Suecia e Francia parten tamén con fundadas esperanzas de colocarse entre as catro primeiras.

O gran mito deste deporte Marta Viera dá Silva, de 29 anos, dianteira do Rosengard sueco, e gañadora cinco veces consecutivas do Balón de Ouro é o reflexo da realidade do fútbol feminino. Natural de Brasil, onde o fútbol masculino o abrangue todo, o feminino, continúa nunha situación de abandono e desinterese. O dorsal número 10 liderará a canarinha xunto a grandes xogadoras como Cristiane, Andreia e Formiga.

Estados Unidos conta cun conxunto enchido de estrelas, onde a dianteira de gran poderío físico e dominadora no xogo aéreo, Abby Wambach, gañadora do Balón de Ouro do 2012, e dúas veces medalla de ouro olímpica é o seu gran referente. Son tamén xogadoras destacadas na selección das barras e estrelas, a centrocampista Carli Lloyd, sinalada como unha das mellores futbolistas do momento e a gardameta Hope Solo, considerada a mellor do mundo.

Por que as xogadoras, as estrelas do fútbol feminino, non reciben o mesmo recoñecemento social?

As xermanas teñen en Nadine Kessler, primeira porteira gañadora dun Balón de Ouro, a toda unha institución con 138 partidos internacionais. Lamentablemente, Nadine será a grande ausente do mundial por mor dunha lesión. Xogadoras a seguir no potente cadro alemán son a centrocampista Dzenifer Marozsan e a dianteira Celia Sasic.

Louisa Necib, mediapunta do Olympique de Lyon, xogadora de moito talento e visión de xogo, defenderá as cores dunha Francia, onde destacan tamén as dianteiras Eugenie Le Sommer, Gaëtane Thiney, e a defensa central Wendie Renard.

Xapón conta nas súas filas coa centrocampista Homare Sawa, que estará acompañada por grandísimas xogadoras como Aia Miyama ou Nahomi Kawasumi.

Destacaría tamén ás dianteiras Christine Sinclaiurde (Canadá) e Asisat Oshoala (Nixeria), e á centrocampista Ji So Yun, (Corea).

A futbolista galega Verónica Boquete Giadans (Santiago de Compostela, 9 de abril de 1987) unha das mellores futbolistas do mundo, que se acaba de proclamar campioa da Champions League feminina, lidera un grupo que tratará de dar a badalada no primeiro Mundial da súa historia. Xunto ela destacan as dianteiras Natalia Pablos e Vicky Losada (as dúas do Arsenal Ladies), e Sonia Bermúdez, recente fichaxe do Atletico Madrid.

A pola sorpresa contra Brasil

O conxunto español xogará este sábado contra Brasil ás 22 horas. Un encontro no que disipar as dúbidas da estrea fronte a Costa Rica, que rematou con empate a un gol. As brasileiras parten como favoritas e lideran o grupo E tras vencer a Corea do Sur. As xogadoras españolas buscarán a sorpresa para acadar o pase a oitavos de final. A propio Verónica Boquete escribía nas redes sociais após o primeiro partido: “Este equipo pode e debe facelo mellor”.
 

Comentarios