Por que o partido Serbia-Suíza será o 'derbi galego' do Mundial de Qatar?

Varios xogadores descendentes de emigrados participarán na competición.
Ricardo Rodríguez e Vanja Milinkovic-Savic. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Ricardo Rodríguez e Vanja Milinkovic-Savic. (Fotos: Europa Press)

A Galiza estará presente no Mundial de fútbol que comezará en Qatar o vindeiro 20 de novembro. Varios xogadores nados na Galiza ou descendentes de galegos participarán coas súas seleccións para conseguir a mellor clasificación deportiva nunha competición salpicada pola asignación irregular da sede e pola sistemática vulneración de dereitos do país organizador.

Dous destes xogadores coincidirán no Grupo G da primeira fase do Mundial. En concreto, nas seleccións de Suíza e Serbia, que disputarán o partido correspondente á terceira xornada desta fase.

En Suíza, cun extenso vínculo coa Galiza pola cantidade de emigrados do país que se desprazaron ao centro de Europa durante todo o século XX, xoga o lateral esquerdo Ricardo Rodríguez, que actualmente se atopa nas filas do Torino italiano. O pai de Rodríguez é natural da aldea do Freixo, no concello de Crecente, a cinco quilómetros da fronteira con Portugal.

Ricardo Rodríguez é o último dunha saga de xogadores descendentes de galegos que defenderon as cores de Suíza. Outros nomes que destacan nesta lista son Loris Benito, Raúl Cabanas,  Gerardo Seoane, Carlos Varela, Óscar Tato, Felipe Parra, Víctor Novo, Quentín Maceiras e Marco Otero, entre outros.

Un serbio nado en Ourense

En Serbia, a portería será defendida por Vanja Milinkovic-Savic, nado en 1997 e cunha altura de 2,02 metros, sendo un dos gardametas máis altos que participarán nesta edición do Mundial. Milinkovic-Savic, que curiosamente tamén xoga actualmente no Torino, representará tamén a Galiza após nacer en Ourense.

Ocorreu cando o seu pai, Nikola Milinkovic, formaba parte das filas do Chaves de Portugal. Meses despois do nacemento do seu fillo, Milinkovic pasou a xogar dous no desaparecido CD Ourense cando este estaba na Segunda División española.

O actual porteiro da selección serbia tamén ten un irmán, Segej Milinkovic-Savic, de orixe catalana. Sergej foi concibido en 1995, cando o seu proxenitor xogaba no Lleida.

Serbia e Suíza non son as únicas seleccións con xogadores de orixe galega. Varios dos combinados sudamericanos, como Arxentina ou Uruguai -por exemplo, Lucas Torreira-, convocaron varios futbolistas descendentes de emigrados.

Comentarios